Galicia Vigo al minuto

O Cunqueiro contará cunha nova unidade de Endoscopia Avanzada

Na área actual dos gabinetes de Dixestivo, na planta -1 do hospital

O Cunqueiro contará cunha nova unidade de Endoscopia Avanzada

Sanidade ven de adxudicar, por un importe de 920.000€, o equipamento electromédico e mobiliario clínico para a creación da nova Unidade de Intervencionismo e Endoscopia Avanzada do hospital Álvaro  Cunqueiro.

A nova Sala con que contará o servizo do Aparello Dixestivo ten por obxectivo integrar a totalidade da actividade da Unidade de Endoscopias nun único dispositivo asistencial. Trátase de centralizar nunha única estrutura todos os procedementos endoscópicos, xa que ata agora, algúns dos que presentan maior complexidade ou que precisan de apoio de anestesia teñen que ser realizados en quirófano ou na mesma área de radioloxía. A nova estrutura e os novos equipos tecnolóxicos permitirán realizar todos eses procedementos avanzados e complexos na mesma Unidade .

A Unidade emprazarase na área actual dos gabinetes de Dixestivo, na planta -1 do hospital. Para isto vaise realizar unha obra de adaptación funcional nunha das salas actuais, de xeito que o novo recurso sanitario estará plenamente operativo ao longo do vindeiro ano.

En canto ao equipamento, neste primeira contratación adquiríronse 2 torres de Endoscopia e 4 tubos de Ecoendoscopios; 2 Colonnoscopios;  2 Gastroscopios e 2 Ecógrafos  de altas prestacións, ademais doutro material complementario.

Unidade do máximo nivel

Hoxe en día, a vertente terapéutica da endoscopia ten acadado un elevado desenvolvemento, realizando intervencións minimamente invasivas que ata hai pouco requirían cirurxía. A realización destas técnicas endoscópicas complexas presentan múltiples vantaxes para os pacientes xa que diminúe os riscos e as estancias hospitalarias.

Neste senso, a nova sala estará especialmente dedicada aos procedementos que precisen apoio radiolóxico (endoscopia biliar, próteses, dilatacións…); apoio de anestesia (endoscopia biliar; e aqueles de endoscopia avanzada terapéutica, como extraccións de tumores ou de pólipos complexos que ata hai pouco tempo precisaban tratamento cirúrxico.

Precisamente a endoscopia biliar -técnica mixta que pola súa complexidade precisa de endoscopia, radioloxía e anestesia- será un dos tratamentos que maiores cotas de calidade e eficiencia acadará cando sexa realizada na nova Unidade.

En definitiva, e segundo asegura o xefe do servizo, o doutor Ignacio Rodriguez Prada, “no novo dispositivo sanitario poderemos realizar calquera procedemento endoscópico avanzado, diagnóstico e terapéutico, xa que disporemos dos medios técnicos e recursos humanos necesarios. Sen dúbida, tratase dunha sala do máximo nivel, tanto estrutural como tecnolóxico, que será un referente  nacional a nivel asistencial”.

También te puede interesar