Comarcas Vigo al minuto

O Porriño prepárase para celebrar o centenario da Casa do Concello

Coincide co 150 aniversario do seu autor: Antonio Palacios

O Porriño prepárase para celebrar o centenario da Casa do Concello

O Concello do Porriño prepara un nutrido programa cultural para conmemorar que en 2024 cúmprense 100 anos da construción da Casa Consistorial, a obra máis representativa das deseñadas por Antonio Palacios na súa vila natal. Esta efeméride coincide co 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés, polo que dende a entidade local impulsarase unha ampla programación anual para poñer en valor a súa figura.

Referente absoluto

“Antonio Palacios é un absoluto referente na vila e queremos poñer en valor o seu legado, especialmente o que deixou no Porriño”, explicou o alcalde. Alejandro Lorenzo adiantou que  unha das grandes propostas do centenario será a apertura da Sala de Exposicións Antonio Palacios, que contará cunha mostra permanente con todos os textos, debuxos, planos, maquetas e documentos que se gardan.  “Temos moito material orixinal de gran valor, un verdadeiro tesouro cultural que queremos dar a coñecer”, engadiu. Ademais, entre outras iniciativas impulsarase a Ruta Palacios, como reclamo turístico e cultural. O groso da programación xirará en torno ao edificio da Casa Consistorial.

A obra máis representativa deseñada por Palacios para a súa vila natal

A Casa do Concello do Porriño é sen dúbida o edificio máis emblemático do Porriño e unha seña de identidade da vila. É tamén a obra máis representativa deseñada por Palacios para a súa vila natal. O proxecto foi entregado de balde ao Concello en setembro do ano 1919, así e todo, debido a certas dificultades económicas, as obras non comezaron ata o 1921, ano no que o indiano Ramón González Fernández anunciou a súa intención de sufragar os gastos de construción.

Os traballos foron realizados baixo a dirección do construtor e mestre canteiro Manuel Ruibal Solla, que remata os traballos en setembro de 1923.

Racionalismo galego

Neste edificio Palacios amosa unha linguaxe rexionalista de raíces galegas e contidos propios que toma referencias da arquitectura tradicional e da expresión dos estilos medievais da súa terra. Un rexionalismo singular e de acentos persoais que o arquitecto define no momento no que se produce a afirmación do sentir galego. Os seus coetáneos sentiron o proxecto deste xeito. O poeta Ramón Cabanillas, por exemplo, afirmou cando viu a casa consistorial: “a Casa do Concello do Porriño ten que ser, -xa é, porque ben mirado o proxectala desta maneira prodixiosa vale máis que fagula, -a primeira construción civil galega”. Deste edificio parte orixinal e potente obra rexionalista de Palacios na súa terra.

Incendio

O 25 de setembro do ano 1976 o edificio sofre un demoledor incendio que acaba coa estrutura de madeira do interior así como, por exemplo, coas fermosas vidrieiras doadas polo propio arquitecto, emprazadas na fachada lateral e hoxe substituídas por outras cunha nova traza, ante a imposibilidade de recuperar o deseño orixinal da casa Maumejeam.

Rehabilitación

A rehabilitación do Concello do Porriño foi proxectada polos arquitectos Tomás Pérez-Lorente Quirós e Francisco Yáñez Ulloa, levándose a cabo entre os anos 1980 e 1983. Mantivéronse sen alteración as fachadas, o vestíbulo e a escaleira de honra. Tamén se conservou o emprazamento orixinal do salón de sesións. No ano 2001 produciuse unha nova intervención, proxectada polos arquitectos Manuel Jesús Freijeiro Martínez e Luis Sarasquete Otero. Nela cambiouse a disposición do salón de sesións que pasou ao edificio contiguo.  

También te puede interesar