A CIG-Saúde subliña da necesidade de adoptar “medidas drásticas” para rematar “dunha vez por todas” coas agresións tanto físicas como verbais que padece o persoal que presta servizo en Atención Primaria. A central sindical alerta sobre o incremento deste tipo de incidentes no centro de saúde de Coia, mais tamén sinala a problemática existente no de Teis e no PAC de Vigo.
Situación crónica
A secretaria comarcal da CIG-Saúde de Vigo, Pilar Rodríguez, lembra que a central sindical leva tempo demandando que se adopten medidas para facerlle fronte a unha situación “crónica”, especialmente nestes centros. En particular, no de Coia, que nos últimos días rexistrou un aumento das agresións verbais “de intensidade”.
Máis usuarios e máquinas de citas avariadas
Rodríguez sinala que o incremento deste tipo de incidentes ten que ver coa maior afluencia de persoas usuarias que rexistra a instalación como consecuencia do inicio da campaña de vacinación contra a gripe; mais tamén polo feito de que as máquinas que proporcionan as citas do ‘sistema quenda’ están avariadas. Isto fai que “estas persoas se incorporen á cola de información/citas, provocando longas esperas e producíndose a conseguinte conflitividade”.
Policía
Até o punto nos últimos días foi necesaria presenza policial en varias ocasións, “por non falar de que algún persoal sofreu crises de ansiedade que derivaron en baixasmédicas”. Outra causa desta situación é derivada da posta en marcha do concurso de traslados do persoal médico de Familia, que se traduciu en cambios de facultativo e movementos de citas, “o que fixo medrar o descontento da xente”.
Contratación de Seguridade
Por iso A CIG-Saúde reclama medidas que rematan con esta situación, “incluso a contratación de seguridade privada nos centros máis conflitivos, que rexistran até 2 ou 3 incidentes diarios por riba da media”.