A Delegación do Goberno en Galicia vén de poñer en marcha o Plan Invernal nas estradas do Estado para a campaña 2023-2024. O obxectivo é, en caso de condicións meteorolóxicas adversas, reducir o número de tramos con restricións ao tráfico e evitar as retencións de vehículos, ou no seu caso, minimizar a súa duración.
309 persoas, 104 quitaneves, 21.000 toneladas de sal e 3,2 millóns de litros de salmoira
O protocolo estará activo desde o 1 de novembro ata o 30 de abril do próximo ano e disporá de 104 quitaneves, unha máis que o ano pasado. Xunto, a eles, nos centros de conservación da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia haberá almacenadas, ao comezo da campaña, 21.014 toneladas de sal, e 3.257.000 litros de salmoira, que se irán repoñendo a medida que avance a campaña.
Na parte humana, o delegado avanzou a mobilización de 309 persoas (condutores, técnicos e operarios) para garantir a vialidade das estradas e a súa conservación. A eles poderanse sumar, cando sexa preciso, os 900 axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e o persoal da Dirección Xeral de Tráfico na Comunidade.
Pedrafita
Ao igual que na anterior campaña, o protocolo establece un dispositivo para garantir a seguridade na área afectada pola caída do viaduto do Castro, na A6, ao seu paso por Pedrafita. O delegado apuntou que o Goberno manterá este
ano o reforzo de 3 quitaneves na zona que se suman aos medios habituais do Centro de Conservación de Pedrafita. Nesta zona, o Goberno traballa coa previsión de que antes de fin de ano se abra o primeiro dos viadutos que está
en construción.
Ademais, mantense a colaboración coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) no seguimento dos episodios de meteoroloxía adversa. A través desta cooperación, as persoas responsables do dispositivo poderán dispoñer de datos en tempo real da evolución das predicións.