Seica non lle gustará a comparación, pero semella o ‘Moisés’ do Bloque de Vigo. Cruzou o deserto que supuxo para os nacionalistas pasar de ter 8 concelleiros e a Alcaldía ata 2003, a quedar fora do Concello en 2015.
Xabier P. Igrexas (Vigo, 1984) volveu a sentar ao BNG no Salón de Plenos en 2019, con el como concelleiro, e nas pasadas Eleccións Municipais de maio, logrou triplicar a súa representación e pasar de 8.000 a 15.000 votos…e todo sendo o único voceiro sen dedicación na Corporación -feito único, tamén, nas 7 cidades galegas- e sen outra cadeira no Concello que o seu ‘escano’.
Vigo Al Minuto.- Qué propostas das que quería impulsar o BNG están en marcha e cales quedaron atrás?
Xabier P.Igrexas.- Nestes máis de cen días non houbo un período de ‘ruptura’ en relación co que estabamos facendo xa os pasados 4 anos…a definición destes cen días sería a ‘iniciativa política’. Se algo demostramos, modestamente, é que o BNG foi, neste primeiro treito de mandato, a forza política cun traballo máis continuado. E non só ao respeito de exercer unha labor de fiscalización esixente do Goberno local, senón de seguir avanzando no contraste propositivo.
VAM.- ¿Por exemplo?
XPI.- Hai unha cuestión fundamental no noso traballo: visibilizar que fronte ao relato dominante, ese discurso oficial que ocupa practicamente todo, si hai alternativa ao actual desgoberno, que non ten máis proxecto que estar instalado no poder, non exercelo, no sentido de falla de xestión. Por tanto, o que fixemos nestes primeiros cen días foi amosar esa alternativa.
Asi, na primeira moción presentamos una proposta das necesidades da cidade en política social, en emprego, acceso a vivenda, logo de que os prezos do alugueiro se incrementasen por volta dun 50% nos últimos catro anos…e tamén para reverter as políticas equivocadas que se están aplicar por parte do Goberno local en areas tan importantes e sensíbeis como a política cultural, na que sigue avanzando esa desertización, o abandono da política deportiva… propoñer unha alternativa de cidade… e un dos elementos que estivo a definir ese modelo de cidade é todo o que ten que ver co debate do novo Plan Xeral.
VAM.- ¿ En que punto está?
XPI.- Pois agora mesmo non hai un acordo de aprobación provisional, ademais é un plan que segue secuestrado na escuridade dos despachos, onde se empezou a tramitar e, a día de hoxe, eu que son membro do Consello xeral de Xerencia de Urbanismo, non sei ni tan sequera se a equipa redactora ten trasladado a proposta de aprobación inicial. Isto é moi importante porque é o documento no que vai a estar a resposta as máis de 4.000 alegacións veciñais que recibimos a este plan.
En definitiva, nestes días demostramos que hai alternativa, que hai unha oposición construtiva e real, que fuxe da lea permanente, que quere ofrecer solucións aos problemas e sentar as bases para afrontar os retos que ten unha cidade como Vigo.
“Se algo demostramos, modestamente, é que o BNG fomos, neste primeiro treito de mandato, a forza política cun traballo máis continuado”
VAM.- ¿Como cambia o traballo do grupo muncipal ao pasar de ser un so concelleiro a ser tres?
XPI.- Malia a evidente disparidade de medios, porque o certo que o Grupo socialista se reservou a práctica totalidade dos medios municipais (no que ten que ver con persoal, dotacións económicas ou a infraestrutura…na planta 8ª do Concello o Grupo Socialista ocupa a metade de toda a superficie con despachos que están valeiros todo o día)… maila a ese evidente intento do Goberno de deixarnos co mínimo imprescindíbel, no caso do BNG o cambio é do cento por cento…
VAM.- …¿por?
XPI.- …ben, pasamos dunha situación absolutamente aberrante en termos democráticos, como que se me impuxera a condición de ‘membro non adscrito’ da Corporación para negarnos o dereito a ter grupo municipal… estiven 4 anos sen persoal de apoio, sen ningún réxime de dedicación, sen retribución algunha a marxe de asistencia a plenos, un caso único en Galicia, sen despacho, e só cun ordenador portátil e un teléfono. A forza da realidade, que fixo que pasásemos de 1 concelleiro a 3, permitiu que dispoñamos de grupo municipal e mellorou a nosa situación… aínda que está claro que non ‘xogamos’ todo en igualdade de condicións nin cos mesmos medios.
VAM.- Tendo en conta esta evolución, este aumento no apoio e na representación do Bloque, crees que é posible o diálogo co Goberno municipal e, se cadra chegar, acadar acordos dalgún tipo?
XPI.- É difícil dialogar con quen non quere escoitar. E trátase dunha posición política,…non é un problema da singular psicoloxía do alcalde, que non axuda, senón a posición política que ten adoptado o Grupo Municipal socialista: confundir unha maioría absoluta, minguada con respecto ao mandato anterior, coa representación de toda a cidade …
VAM.- …minguada…pasando de 20 a 19 concelleiros…?
XPI.-…si, o sistema D’Ont non permite verificar o alcance real do resultado electoral: perdendo un 20% do voto o Partido Socialista so perde un concelleiro…perdendo 20.000 votos o Partido Socialista mantivo 19 concelleiros…en todo caso, confunden unha lexítima maioría absoluta, que no BNG sempre lle recoñecemos, coa totalidade: cren que á cidade só a representan eles. Nós dicimos que as máis de 15.000 viguesas e vigueses que votaron BNG son tan viguesas e vigueses como aqueles que votaron ao PSOE…e quen representa á cidade somos o conxunto das forzas políticas. Felizmente, Vigo é moito máis que as 80.000 persoas que votaron a Abel Caballero nas últimas Eleccións Municipais…e alén dun profundo e sincero respecto, eu sei que moitas delas non acreditan e avalan todos os comportamentos que ten o actual rexedor e non comprenden eses ‘tics’ autoritarios dun alcalde que se auto define como progresista ou de esquerdas.
En todo caso, a disposición do BNG sempre é o diálogo construtivo. Si que se mantén unha tímida e complexa interlocución con algunhas áreas de Goberno, non así coa Alcaldía….se da a anormalidade democrática de que o alcalde non teña falado nunca, nin nestes cen días nin no mandato anterior, comigo como portavoz municipal.
“O relato oficial é que a mesa do alcalde para os desafiuzamentos; que en Vigo quen durme na rúa é porque quere; en Vigo non hai ningún problema de emprego, e iso non se corresponde coa realidade”
VAM.- Asociacións, ONG, diferentes entidades cren que en Vigo hai problemas que deberían de enfrontarse con urxencia, ao entender do BNG que tres cuestións son ás que requiren a atención inmediata?
XPI.- Quero, en primeiro lugar, poñer en valor que haxa colectivos que, neste contexto de asfixiante xordeira autoritaria, teñan o ‘atrevemento democrático’ de formular e visibilizar os problemas, máis cando o relato oficial é que a mesa do alcalde para os desafiuzamentos; que en Vigo quen durme na rúa é porque quere; en Vigo non hai ningún problema de emprego; que o sector naval está flamante ou que somos punta… un relato que non se corresponde coa realidade, sostido cunha intensísima campaña de propaganda, dopada con diñeiro público e asentada na repetición en modo percutor de falsidades, desprezando, mesmo respostando cun nivel de violencia política, institucional e administrativa e nuns graos de ‘represión’ inaceptábeis nun marco democrático, por iso ten moito valor que haxa colectivos que expoñan eses problemas.
“En Vigo, hoxe hai 9.000 postos de traballo menos que en 2009 e o índice AROPE di que hai 60.000 persoas en risco de exclusión social”
VAM.- Cales serían?
XPI.- ‘Na mellor cidade para vivir, nesta cidade fermosa e nesta cidade de récord’, hai problemas. O primeiro é entender Vigo só como un espazo, como os 110 km2 de superficie do termo municipal…fundamentalmente é unha comunidade humana e nela hai realidades sociais que existen…a principal prioridade é que o Concello ten que ser útil para a veciñanza de cara a paliar os gravísimos efectos que se padecen dende o punto de vista social por causa da actual crise inflacionaria.
Nós dicimos que o Concello de Vigo, que ten un orzamento de 400 millóns de euros …nunca ningún Goberno municipal, na historia da cidade dispuxo de tantos recursos…, non pode permitirse que se deixen de executar por falla de xestión, como sucedeu o ano pasado, 152 millóns, que poderían terse destinado a atender necesidades da cidade. Por iso, repetimos que o Concello se ten que configurar como un gran parapeto social…
VAM.- …o ámbito social sería o primeiro, qué abrangue?
XPI.- … estamos nunha cidade na que hoxe hai 9.000 postos de traballo menos que en 2009; na que non recuperamos o nivel de emprego de antes da pandemia; na que o índice AROPE, un índice oficial, di que hai 60.000 persoas en risco de exclusión social…
VAM.- …pero a resposta non sería que o Concello non ten competencia nestas materias: en traballo, en benestar…
XPI.- …no que non ten competencia, seguro, é nas becas de inglés, na candidatura ‘fake’ de Cíes a Patrimonio da Humanidade; na promoción do Nadal…a administración local é a máis próxima á cidadanía…é a primeira liña de actuación pública e nós dicimos que o debate das competencias é un debate falaz. Se é un problema de competencias, entendo que Abel Caballero vai propoñer que fechemos as 9 escolas infantís municipais, que non son competencia municipal e que moitas existen por iniciativa, no seu momento, do BNG; si fora por iso o Concello de Vigo non tería sido un actor clave en dotar aos colexios públicos de comedores escolares, una realidade impulsada por unha concelleira do BNG, Ana Gandón, cando era responsable de Educación… non, non é un problema de competencias: é de querer ou non querer dar respostas ás necesidades da veciñanza. A lei permite aos concellos asumir competencias que non son súas, sempre que non entre nas competencias doutra administración e teña recursos para facelo. Abel Caballero o sabe.
“Vigo non ter que ser só unha cidade para visitar e tomar un café, Vigo ten que ser ese pulmón industrial e produtivo do conxunto de Galiza”
VAM.- Entón o que non hai é intención?
XPI.- O que non hai é vontade. Senón temos competencias en emprego por qué hai unha Concellería de Emprego? E un Plan Municipal de Emprego?… oxalá se tivese o mesmo entusiasmo, o mesmo afán, a mesma determinación que hai en facer o ascensor HALO, en deixar pegada física do legado biográfico de Abel Caballero na cidade, para atender outros problemas.
Nunha cidade con menos de 300.000 habitantes na que hai 60.000 persoas en risco de exclusión social e pobreza, resulta moi difícil de acreditar que, por exemplo, se deixen sen gastar 250.000€ das axudas de emerxencia; que se suprimira o ‘cheque social’ complementario da RISGA e que existía por iniciativa do BNG…cando hai persoas que en inverno teñen que escoller entre poñer a lavadora ou acender a calefacción…porque nesta cidade das luces hai moitos fogares que atravesan unha situación de pobreza enerxética…a pregunta que ten que facerse o Goberno local é “que podemos facer para reverter isto?”.
Ningún vigués e ningunha viguesa pode acreditar que destinemos 9 millóns a luces de Nadal e destinemos menos de 1 millón de euros ao Plan Municipal de Emprego…ou nunha cidade na que moita xente o está pasando mal, abordemos unha modificación de crédito para un ascensor HALO que xa incrementou o seu custo nun 100%, que está situado en 16 millóns e vai a acabar á beira dos 20 millóns…ou a reforma do Estado de Balaídos que andará polos 50.
O que pasa é que o combate da pobreza, do empobrecemento, a creación de emprego, axudar ás persoas, non se inaugura, se se puidese inaugurar e facerse fotos, Abel Caballero lle poría máis atención.
“Oxalá se tivese o mesmo entusiasmo que hai en facer o ascensor HALO ou en deixar pegada física do legado biográfico de Abel Caballero na cidade, para atender outros problemas”
VAM.- En qué medida repercuten as obras, as humanizacións, na creación de riqueza e de emprego?
XPI.- Creo que estamos vendo una tendencia moi preocupante do devagar da cidade, da maior cidade galega…os informes ARDAN o que amosan dende hai anos é a perda de peso relativo de Vigo e da súa área. Non o digo en termos de competición insán ou hiperlocalista…pero estamos quedando atrás. Estamos indo a un proceso de ‘tercialización’ da economía, onde unha cidade como Vigo que ten que ser a base produtiva industrial avanza de cara a ser unha cidade de turismo.
Dicimos que Vigo non ter que ser só unha cidade para visitar e tomar un café, Vigo ten que ser ese pulmón industrial e produtivo do conxunto de Galiza, pero é que reúne a condición, como cidade universitaria, para se configurar como a capital galega da innovación, da tecnoloxía, das comunicacións, do futuro. Fronte a isto, o Goberno municipal ‘nada de nada’ e así, fronte ao ‘monocultivo’ do Xacobeo por parte da Xunta, a alternativa é o ‘monocultivo’ das luces de Nadal. O futuro de Vigo non pasa por aí….a proba é que o Nadal non xerou os 1.000 millóns de retorno, nin os postos de traballo que di o alcalde, así o acreditan os datos oficiais. Vigo ten que liderar que vertebrar, non podemos seguir metidos nun hiperlocalisimo casposo e rancio…de emperador espido, ‘estes son os meus dominios e fago a miña vontade’…iso o que o fai é diminuírnos. Dende logo as grandes cidades non progresan así.
“Abel Caballero parece o CEO de Vitrasa, o xerente, máis que o alcalde de Vigo”
VAM.- Que pasa coas concesionarias municipais…o exemplo máis actual é o de Vitrasa e unha conflitividade que achégase aos dous anos?
XPI.- Sucede que se da o paradoxo de que un goberno e un alcalde do Partido Socialista convértese, na práctica, nos campións das privatizacións. Dous de cada tres euros das viguesas e vigueses, do orzamento municipal, van a parar aos petos das grandes empresas privadas que son concesionarias de servizos municipais ou adxudicatarias, contratistas de servizos e investimentos que desenvolve o Concello.
É unha situación provocada: hai un debilitamento e precarización do que é o servizo público do Concello de Vigo, senón non se explica que haxa 400 prazas de persoal municipal sen adxudicar… e ao mesmo tempo se reduce a prestación de servizo directo do Concello…
VAM.- …e o control das concesionarias e adxudicatarias?
XPI.- …e que a segunda vertente é que un é ‘campión das privatización’ non só porque hai moitas senón porque as empresas concesionarias fan os que lle da a gana, literalmente. Aquí sucede que hai empresas concesionarias que prestan menos servizos dos contratados pero cobran igual…o temos denunciado, como limpeza de dependencias municipais en outras; outras incumpren a obriga de substituír as baixas…e iso se consinte.
O exemplo gráfico é a situación de Vitrasa…o Goberno local, no que están sentados non poucos sindicalistas di, cunha alegría pasmosa que o conflito de Vitrasa é un conflito entre traballadores e unha empresa privada. Pero non é unha empresa privada calquera: presta en réxime de monopolio un servizo de carácter esencial, que debe prestar o Concello…Vigo non pode non ter transporte público: a cidade está obrigada legalmente a prestar ese servizo.
Así que estamos ante a concesionaria dun servizo público municipal e ningún goberno pode tolerar que esta empresa que recibe ao redor de 13 millóns de euros de subvención directa cada ano- sen contar os 21 millóns de indemnización polas perdas da COVID- é que non cumpra coas súas obrigas co propio persoal, en materia laboral, senón que se lle permitiu que reducise 70 frecuencias …dende 2015 son 250 frecuencias menos; que suprimise liñas (a C2, a N2, a N3, outras se fusionaron como a nova liña A)… se consenten gravísimos incumprimentos e o único que fixo Abel Caballero foi regalarlle a Vitrasa unha prórroga de 5 anos… a concesión de 1994, aprobada co voto de calidade dun alcalde socialista, era “malísima, pésima, lamentable“, como dicía Caballero, que se levaba mal con aquel alcalde… imaxina; se era mala en 1994, como será en 2023…e a decisión de Caballero é prorrogala 5 anos máis e, de paso, de ‘aguinaldo’ 21 millóns en compensación pola COVID.
O resume é que cada vez que Abel Caballero tivo que escoller entre estar ao lado das traballadoras e traballadores deste servizo municipal, esencial e das usuarias e usuarios, ou poñerse a carón da empresa, sistematicamente se pon do lado de Vitrasa, parece o CEO de Vitrasa, o xerente, máis que o alcalde de Vigo.
VAM.- …e cal é a solución?
XPI.– …abrir un expediente sancionador contra Vitrasa por estes incumprimentos e, en segundo lugar, adoptar as medidas para garantir o estrito cumprimento do prego concesional e das condicións laborais. Se Vitrasa non o fai hai unha figura que permite a Lei que é ‘intervención municipal’ sen resolver a concesión…e hai un interventor municipal que ten o pleno control sobre a compañía…entón saberíamos moitas cousas que non sabemos. Que motiva a complicidade de Abel Caballero coas empresas concesionarias?… debería de responder.