O Concello de Tui vén de adxudicar a obra de reforma da Praza de Abastos á empresa tudense Plaintec por un importe de 1.322.706,42€. Así se aprobou onte en sesión plenaria ao ser a oferta máis vantaxosa segundo o recollido na proposta da mesa de contratación.
As obras terán un prazo de execución de 8 meses, debendo estar rematadas o 30 de xuño de 2024 ao estar financiadas nun 80% con fondos europeos Next Generation.
Reforma integral: interior e exterior
O proxecto a executar suporá a reforma integral da Praza de Abastos coa súa modernización e actualización tanto interior coma exterior, “co que o mercado gañará en confortabilidade e eficiencia enerxética”. Asi, a concelleira de Comercio e Mercado, Ana Núñez, sinala que este proxecto é clave para a “dinamización comercial da cidade” e busca converter á praza “nun mercado referente e atractivo”. Núñez amosa a súa satisfacción porque sexa
unha empresa tudense, Plaintec, quen vaia a executar a obra, o que significará que o investimento previsto redundará tamén directamente na economía local.
Pola súa banda, o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, amosa a súa confianza en que a execución desta obra “converta a praza de abastos no que debe ser” e destaca a “importancia que este equipamento pode xogar no desenvolvemento económico e social deste concello”.