O presidente da Deputación de Pontevedra presentou este xoves a nova imaxe da institución provincial e os orzamentos para 2024. Como salientou Luis López, estas serán as “contas do municipalismo” que, apuntou, sustentan un “proxecto baseado na transformación, sen renunciar ao que está ben feito, pero sen complexos”.
Así, comentou, as contas teñen como eixo o feito de que “os concellos son o medio e o fin para servir a preto dun millón de pontevedreses”.
189,2 millóns de euros
Luis López subliñou como un dos piares das novas contas, a “colaboración e apoio” cos 61 concellos da provincia e de aí que 66 millóns de euros, un terzo dos orzamentos, estean destinados a este fin. Son 9,3 millóns máis que en 2022, informou o presidente, o que supón un incremento do 16,4%.
A esta cantidade súmanse máis de 48 millóns para o plan de obras -unha partida que medra en 4,2 millóns, o que supón un 9%- e que abrangue proxectos de futuro. Así, en conxunto, estas dúas accións suman un montante de 114 millóns.
Deporte e Cultura
O presidente engadiu que estas contas están “ao servizo da transformación e da aposta definitiva polas nosas prioridades”. Neste eido adiantou que a partida para Deportes medra en 900.000€, preto dun 18%; a de Cultura será un 20% máis alta, chegando aos 4.7 millóns, os dous departamentos dirixidos pola vicepresidenta Marta Fernández-Tapias: e un 2% o orzamento en Turismo, cunha suba real de 1,1 millóns, para compensar os programas europeos xa esgotados.
Incremento das nóminas dos funcionarios
Outra partida que medra é a destinada aos profesionais da Diputación. Así, ademáis da suba dos 3% nos seus soldos, acordada a nivel estatal, o presidente asegurou que o seu goberno tamén asume “unha vella demanda histórica: a recuperación do complemento especial de dedicación técnica”. A maiores, concluiu Luis López, o seu goberno comprométese a crear 26 novas prazas de emprego público.
Nova imaxe
Polo que se refire á nova imaxe institucional, o presidente adiantou que reflicte a realidade, “porque somos unha provincia de pontes”. López asegurou que reflicte o que é a Deputación: unha institución con preto de 140 anos de historia, “próxima, de confianza, seria, que aposta pola cooperación, a unidade, a integración e a modernidade”.
Esta nova imaxe, que incorpora a cor verde, “non representa a ningún partido, nela non están a cor azul ou vermella, e nace para perdurar”.