O Bloque Nacionalista Galego vén de defender, de novo, a remunicipalización do transporte público en un novo modelo de bus urbano en Vigo fronte á “enquisa farsa” de Caballero. Asi, dende o Bloque acusan ao Goberno municipal de “simular” con esta proposta que actúa ante os problemas do transporte urbano da cidade, cando o único que fixo nestes anos foi “empeorar gravemente” as condicións do servizo.
O Goberno local quere “tapar as deficiencias” do servizo de Vitrasa
Nesta liña, o portavoz municipal do BNG cualificou o estudo de 320.000€ encargado polo Concello de “cortina de fume ben custosa para tapar as moitas deficiencias e insuficiencias” do servizo de Vitrasa. Entre elas, Xabier P. Igrexas lembrou a supresión de 250 frecuencias diarias; a desaparición de varias liñas; horarios “irracionais” e un mapa “obsoleto” que non conecta o conxunto da cidade e “castiga” os barrios e parroquias máis periféricas.
“Blindar” a continuidade da concesionaria
Igrexas criticou que a única medida do Goberno municipal sobre o bus urbano foi blindar a continuidade da actual empresa concesionaria cunha prórroga de cinco anos. “Un agasallo para o grupo Avanza”, lamentou. Unha prórroga da concesión que, a xuízo do BNG, supuxo “hipotecar” este servizo esencial un lustro máis para que continúe a ser “fonte de negocio privado”, pese a non atender as necesidades da veciñanza e non garantir un transporte á altura da maior cidade galega.
Revolucionar a mobilidade e empresa pública
Fronte a esta situación, o portavoz municipal do Bloque chamou a “revolucionar” a mobilidade en Vigo, cun novo modelo que teña o transporte colectivo como piar. “O futuro da nosa cidade ten que pasar por unha mobilidade alternativa, e iso esixe que o servizo de bus urbano sexa unha opción real que permita que as viguesas e vigueses non estean obrigadas a coller o coche”, demandou.
Neta liña, o BNG rexeita que o servizo de bus urbano teña que estar baixo xestión dunha empresa privada. E, asi, lembra que hai cidades con menor poboación e capacidade económica que contan xa cunha empresa pública de transportes.