O Bloque Nacionalista Galego demanda abrir expediente sancionador contra Urbaser por “continuos e deliberados” incumprimentos na limpeza de dependencias municipais. Dende o BNG denuncian que “o Goberno de Abel Caballero consente que a concesionaria preste menos servizo dos pagados polo Concello de Vigo e tamén que infrinxa as condicións co seu persoal”.
Así o afirmou este luns o portavoz municipal do BNG, tras manter unha xuntanza con representantes do Comité de Empresa do servizo. “Temos que esixirlle máis unha vez ao Goberno de Caballero que exerza as súas funcións de control na xestión das empresas privadas que prestan servizos municipais a cargo de diñeiro público”, esixiu.
O Concello paga 7 millóns ao ano
Xabier P. Igrexas revelou que Urbaser non está a substituír as baixas laborais, as vacacións nin os permisos das súas traballadoras e traballadores. Isto se traduce en que hai “menos persoal do necesario” para garantir a prestación do servizo de limpeza nas dependencias municipais, polos que o Concello transfire máis de 7 millóns de euros á empresa. “Pagamos Urbaser pola totalidade da concesión sen que se estean a executar as horas de limpeza contratadas”.
40 traballadoras e traballadores e non os 65 que están no prego de concesión
Nese sentido, advertiu de que a empresa négase a facilitar os rexistros de xornada ao Comité de Empresa. Ademais, nas poucas ocasións que tivo acceso aos mesmos, comprobou que “había apenas 40 fichaxes das 65 persoas recollidas no prego do servizo”.
“Non podemos seguir a financiar a precariedade laboral e pagando por menos servizo, hai que poñer fin a actuacións de piratería empresarial”, reclamou.
Sen o material necesario
O portavoz do Bloque acusou tamén á concesionaria de non entregar a roupa de traballo axeitada ao persoal, nin contar co material de limpeza necesario nalgunhas das dependencias municipais. Tampouco, criticou Igrexas, co compromiso fixado na concesión de manter aberta en Vigo unha oficina para a xestión deste servizo. “Existe formalmente pero no mellor dos casos é atendida unicamente un día por semana porque o persoal asignado a ela trasládase para atender contratos doutros concellos”, remachou.