O Concello de Ponteareas solicitará á Confederación Hidrográfica Miño-Sil a limpeza do canle do río Tea ao longo de todo o seu percorrido, para evitar que se repitan desbordamentos como o do pasado sábado. Daquela, entre as 8 da mañá e as 2 da tarde, o nivel do Tea superou o limiar de alerta que se establece nos 3,45 metros. O punto máximo produciuse ás 11 da mañá chegando aos 4,77 metros.
‘Domingos’
Debido ás choivas producidas pola borrasca ‘Domingos’ entre o pasado venres e o domingo, produciuse unha importante crecida no nivel da auga do río, que chegou a desbordar na Ponte Romana. Pese a que é un feito que conta con precedentes en épocas de chuvia intensa, o Concello considera primordial que o couce do Tea estea o
máis limpo e despexado posible. O obxectivo é evitar que a corrente arrastre materiais naturais: paus, follas ou algas e mesmo lixo, que cheguen a atoar os ollos das pontes facilitando o seu desbordamento.
Traballos as últimas semanas
De feito, e con esta necesidade en mente, apuntan dende o Concello, nas últimas semanas realizáronse traballos
de limpeza e mantemento, eliminando grande cantidade de alga invasora. Tamén se realizaron xornadas de limpeza con voluntarios. “Esta é unha labor en conxunto que deben realizar todos os concellos polos que discorre o Tea para evitar que os materiais que o río pode arrastrar desde os concellos previos polo que descorre cheguen no seu percorrido a Ponteareas”.
Precisamente tendo en conta a previsión de aumento dos servizos de emerxencias, os Bombeiros sumaron dous efectivos a maiores na quenda de máis demanda para poder cubrir as necesidades de actuacións. Estas abrangueron, principalmente, a retirada de multitude de árbores caídas e cableado; un poste; un muro particular que por mor do vento e a chuvia derrubouse en Moreira, e o rescate dun home que se atopaba dentro do seu coche anegado.
1,89 metros
Segundo a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Tea atopábase esta mañá cun nivel de 1,89 metros de altura o que se considera por debaixo limiar de activación, moi inferior ao de prealerta, estipulado en 2,80 metros, e lonxe dos 3,40 metros de nivel de alerta.