Deportes Vigo al minuto

A Deputación destinará no 2024 máis de 9,5 millóns de euros ao impulso do deporte

Un 20% máis que este ano

A Deputación destinará no 2024 máis de 9,5 millóns de euros ao impulso do deporte

“Converter a Pontevedra na provincia do deporte e no escenario ideal para acoller grandes eventos deportivos”. Esa será a “máxima” do goberno provincial no 2024.

Deste xeito, apuntan dende a Deputación de Pontevedra, que o organismo provincial destinará o vindeiro ano máis de 9,5 millóns de euros ao impulso do deporte na provincia, “un incremento de máis do 20% respecto ao 2023”. Destes recursos, 5,5 millóns de euros irán destinados a partidas específicas para o fomento do deporte e outros 4 millóns de euros ao plan extraordinario de infraestruturas deportivas do que se beneficiarán os concellos da provincia.

Pontevedra como escenario de grandes eventos deportivos

Para poder avanzar na conversión da provincia de Pontevedra como escenario de grandes eventos deportivos, o goberno de Luis López destinará no 2024 máis de 1,2 millóns de euros. Isto “supón duplicar os 640.000 aprobados para o mesmo cometido neste 2023.

Aumento dos patrocinios e subvencións

Do total deste montante, é significativo o incremento das partidas de patrocinios deportivos e da liña de subvencións dirixida aos clubs deportivos para o impulso de actividades nesta materia, que aumentan un 67%. Así, os patrocinios pasan dos 300.000 deste 2023 aos 500.000, que sumarán o vindeiro ano e a liña de subvencións para actividades deportivas medrará tamén dos 300.000 deste ano aos 500.000 do próximo.

Ademais,multiplícase case por cinco o financiamento de actividades deportivas e xuvenís no 2024, pasando dos 30.000 do 2023 aos 145.000 que se van destinar no 2024“.

Impulso dos clubs deportivos

A Deputación de Pontevedra quere impulsar os clubs de elite da provincia e o deporte de competición federado e preferente con axudas que ascenden a máis de 1,3 millóns de euros. Deste xeito, os clubs de elite provinciais recibirán no 2024 725.000 euros e, pola súa banda, o deporte de competición federado e preferente 650.000 euros, un 4% máis que este ano.

… dos deportistas

A intención do goberno provincial “verase tamén reflectido no aumento das partidas destinadas aos deportistas de alto nivel e olímpicos”, que sumarán 400.000 euros no 2024 o que supón un 14% máis que no período anterior.

Así, as bolsas para deportistas de elite ascenderán no 2024 a 275.000 euros, un 10% máis que o que percibiron os mesmos deportistas no 2023 (250.000€) ; as axudas para os olímpicos de París 2024 sumarán 125.000 euros, é dicir, un 25% máis que o consignado para as Olimpíadas celebradas no 2021 en Tokio (100.000 €).

…e do deporte base

O deporte de base será outro dos eixos de traballo no ámbito deportivo. Neste eido investiranse máis de 300.000 euros nas escolas deportivas nas que cada ano participan milleiros de nenos de toda a provincia.

O orzamento máis alto da historia

Como informara vigoalminuto, o Goberno de Luis López propón a orzamento más alto da historia da Deputación de Pontevedra: máis de 189 millóns de euros. O mesmo increméntase en 7,6 millóns en relación a este ano, e 35 millóns comparado co de 2016, ano de inicio de mandato do goberno anterior.

También te puede interesar