O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar ao Goberno de Abel Caballero que deixe de “secuestrar” o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Así o defendeu o portavoz municipal do BNG, despois de que o Goberno municipal continúe sen dar conta na Xerencia de Urbanismo, celebrada este martes, após unha semana do rexistro por parte da equipa redactora do documento de aprobación provisional e da proposta de ditame das 4.000 alegacións veciñais.
Que é o que non queren que coñezan as viguesas e vigueses?
Preguntouse o representante nacionalista. “Que é o que teñen que ocultar?” cuestionou Xabier P. Igrexas. Así, para o voceiro do Bloque, é “intolerábel” que o Goberno local non dera tampouco resposta á súa solicitude para ter acceso á totalidade da documentación, “vulnerando, máis unha vez” o Regulamento Orgánico do Pleno.
Comparecencia da equipa redactora
Igrexas reiterou a demanda de comparecencia da equipa redactora do Plan Xeral para explicar o documento de aprobación provisional. “A resposta da concelleira María José Caride volveu ser evasiva, sen indicar ningunha data ou prazo”, reprochou. Do mesmo xeito, o portavoz do Bloque criticou a negativa “entre dentes” da edil á proposta de convocar o Consello Sectorial de Urbanismo.
Trámite na “clandestinidade”
“Un Plan Xeral que quere definir o modelo de cidade para os vindeiros 15 anos da maior urbe galega non se pode seguir tramitando na clandestinidade, con total opacidade e de costas á veciñanza“, lamentou Igrexas. Nesta liña, insistiu na necesidade que os vigueses poidan participar no deseño do planeamento urbanístico.
“As alegacións teñen que ser atendidas, non só por unha cuestión básica de democracia municipal, senón tamén porque a experiencia histórica aprendeunos que Vigo só poderá dispor dun PXOM estábel e sólido a través do consenso”, remachou o portavoz do BNG.