O Bloque Nacionalista Galego promove unha declaración institucional no Concello de Vigo para reclamar, en nome das viguesas e vigueses, “paz e liberdade para a Palestina e a fin do xenocidio”. Así o anunciou o portavoz municipal do BNG.
Axuda humanitaria
Xabier P. Igrexas propón que a nivel local que se despregue a bandeira da Palestina no Concello-comose fixo coa de Ucraína- en mostra de solidariedade, así como pendurar unha faixa co lema “Paz e liberdade para a Palestina, paremos o xenocidio en Gaza”. Aliás, chama a convocar de maneira urxente o Consello Municipal de Cooperación Internacional e Solidariedade para acordar un programa de axuda humanitaria, sufragado con fondos municipais, en auxilio da poboación palestina.
Cese do fogo
Igrexas subliña que a declaración sinala que é unha “absoluta prioridade lograr un cesar-o-fogo inmediato e incondicional dos ataques, así como a urxente apertura de corredores humanitarios seguros para poder asistir á poboación palestina”. Asi, lembra que os bombardeos xa se cobraron máis de 10.000 vidas palestinas (4.000 delas crianzas); foron destruídos a metade dos fogares en Gaza e preto do 70% da poboación viuse forzada a se desprazar, con máis de medio millón de persoas refuxiadas en condicións infrahumanas.
“As viguesas e os vigueses non podemos ficar indiferentes nin en silencio diante do ataque masivo do Goberno de Israel contra da poboación palestina”, valorou o portavoz nacionalista. “É por iso que condenamos de maneira enérxica e rotunda esta agresión xenocida contra o pobo palestino que supón un claro crime contra a humanidade de acordo ao Dereito internacional, tal e como sostén de maneira inequívoca o primeiro fiscal xefe da Corte Penal Internacional, Luis Moreno Ocampo”, recolle a declaración institucional.