Vigo al minuto

‘Ultraluz’, ‘A Movida Literaria’ e ‘Culturgal’: oferta cultural da Deputación na sede de Vigo

Comeza este mesmo xoves, día 16

'Ultraluz', 'A Movida Literaria' e 'Culturgal': oferta cultural da Deputación na sede de Vigo

Marta Fernández-Tapias, vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, presentou este luns a aposta do organismo provincial para a súa sede viguesa. A mesma abrangue tres programas que se suman á oferta cultural. Ultraluz, A Movida Literaria e Culturgal.

Novembro e decembro

Os mesmos incorpóranse ao calendario dos vindeiros meses de novembro e decembro, con 22 nomes propios da cultura e 9 actuacións que “manterán unha intensa actividade” na rúa Eduardo Chao do Casco Vello vigués con entrada libre.

Fernández-Tapias, quen compareceu ante os medios acompañada pola escritora Ledicia Costas, o director de Culturgal, Camilo Franco, e Pablo Vázquez en representación de A Movida, salientou que “este ciclo é importante, tanto polo seu contido como polo fondo”. Asi, lembrou, “un dos obxectivos irrenunciables da Deputación é o de recuperar para Vigo o seu papel como referente cultural”.

Neste sentido, engadiu que a cidade “berce da Movida dos anos 80, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural”.

“Non pretende ser un espectáculo de masas”

A vicepresidenta sinalou que esta proposta se define polo “talento artístico e a diversidade dunha aposta que, nas súas propias palabras, “non pretende ser un espectáculo de masas, senón dirixirse a todos os públicos cun deseño que transita entre a literatura, a poesía, a música, o debate ou a interpretación”.

‘A Movida Literaria’

Este ciclo inicairase con ‘A Movida Literaria’, este xoves, día 16, ás 19:30h. Inma López Silva, Francisco Castro; María Xosé Porteiro; Pedro Feijóo e Recina Vega participarán na sede viguesa da Deputación nun coloquio sobre a novela negra e social. Co mesmo formato, o día 29 será a quenda de Marcos Calveiro, Ledicia Costas, María Reimóndez e Manuel Esteban, que establecerán un diálogo sobre a literatura infantil e xuvenil, tamén dende as 19:30h.

‘Untraluz’

Sobre Ultraluz, sinalou que o tándem formado por Ledicia Costas, unha das escritoras galegas máis laureadas, traducidas e reeditadas, e Amaro Ferreiro, compositor de recoñecido prestixio e talento, “é unha aposta segura”.

“Ambos os dous levarannos ao bosque de Ultraluz, nunha viaxe sensorial, unha experiencia artística exquisita que dá vida á obra de Ledicia, gañadora do XX Premio de Poesía Afundación”, anotou. Un espectáculo que terá lugar na sede viguesa da Deputación o 19 de decembro en Vigo, ás 20.00 horas, e ao día seguinte no Museo Provincial de Pontevedra.

Culturgal

Para terminar, o 23 e 24 de novembro, en tres sesións cada día ás 18; 19 e 20:00h., a sede de Eduardo Chao no Casco Vello acollerá da man de Culturgal “unha combinación perfecta entre literatura, poesía e música”. A este respecto, Fernández-Ta`pias salientou que “esta feira, escaparate das culturas galegas e de recoñecido prestixio, tiña que ter a súa réplica en Vigo”.

 Así, na primeira xornada Alba Garrido e Iría Morgade charlarán sobre memoria histórica, ás que seguirán os recitais poéticos de Iolanda Zúñiga e Velpister, para rematar coa música de Catuxa.

Ao día seguinte, catro Premios Xerais falarán de literatura; María Lado demostrará que “Non fai falta ler poesía”, e Leilía encargarase do peche deste Culturgal estendido con motivo da súa xira de despedida, “Voume, pero non me vou”.

A Cultura, `pedra angular’

Marta Fernández-Tapias concluiu subliñando que “Vigo ten un potencial cultural inmenso, que hai que coidar, atender e mimar, porque ata agora non se facía” e lembrou: “dixemos que a Cultura ía ser unha pedra angular na xestión desta nova Deputación” e, engadiu, “este ciclo cultural comeza a darlle forma”.

También te puede interesar