Galicia Vigo al minuto

Amnistía Internacional pide garantías sobre o uso das ‘táser’ pola Policía Nacional de Vigo

Cun criterio similar ás armas de fogo

Amnistía Internacional pide garantías sobre o uso das 'táser' pola Policía Nacional de Vigo

Ante o despregamento de doce pistolas eléctricas tipo táser en Vigo pola Policía Nacional -a finais de setembro- e o uso dunha táser a finais de agosto pola Policía Local de Redondela, Amnistía Internacional enviou senllas cartas ao Comisario Xefe da Policía Nacional de Vigo e á alcaldesa de Redondela nas que pediu garantías do seu uso, acorde coas normas internacionais.

Malia estaren catalogadas como “menos letais”, Amnistía Internacional documentou casos nos que a morte dalgunhas persoas estivo relacionada co uso destes dispositivos de electrochoque ou de descarga eléctrica de proxectís, coñecidos como armas táser. Polo menos 500 persoas perderon a vida por descargas eléctricas relacionadas co uso de táser en EE.UU., onde se empregan desde hai varias décadas“, declarou Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional Vigo.

Alternativa menos letal

Nas cartas, Amnistía Internacional recoñece a importancia de que as e os funcionarios encargados de facer cumprir a lei dispoñan de ferramentas, como as denominadas armas “menos letais”, para minimizar o perigo de mortes e lesións.  

Non nos opoñemos ao emprego por parte da policía de armas táser como unha alternativa menos letal ás armas de fogo para protexer vidas e evitar lesións inxustificadas. Con todo, o seu uso debe estar suxeito a un criterio similar ao aplicado no uso das armas de fogo“, sinalou a voceira local de Amnistía Internacional.

Nas cartas, Amnistía Internacional subliñou que as táser deben ser parte do equipamento policial só se existe unha necesidade operativa real e o seu uso se limita a situacións nas que exista un risco para a vida ou integridade física do axente ou de terceiras persoas. En todo caso, non deben utilizarse para o día a día da actividade policial.

Peticións

Ante o seu uso, AI fai catro peticións:

1.- Estrita regulacióncontrol e límites do seu uso

Conforme indican as directrices de Nacións Unidas sobre o emprego de armas menos letais no mantemento da orde, o uso destas armas debe limitarse situacións nas que os axentes se enfronten a unha ameaza inminente de morte ou lesións graves (potencialmente mortais) que non poden conterse con opcións menos extremas.

As táser deben empregarse só como último recurso no momento en que, doutro xeito, estaría xustificado recorrer ás armas de fogo, ou xusto antes dese momento, manifestou a voceira de Amnistía Internacional.

2.- Prohibición do seu uso en modo directo

O seu uso en modo directo constitúe un risco inaceptable de tortura e outros malos tratos“, declarou Isabel Flores, que destacou que Amnistía Internacional documentou numerosos casos de uso do modo de atordamento con fins de tortura e outros malos tratos.

3.- Respecto ás normas internacionais sobre o uso da forza

“As normas internacionais na materia establecen que o persoal que vaia utilizar as táser reciba formación adecuada; o seu uso sexa proporcional e non poña en perigo a vida e saúde das persoas, e se establezan mecanismos de rendición de contas e supervisión externa independente”, segundo a voceira de Amnistía Internacional.

4.- Proporcionalidade e necesidade

Por último, Amnistía Internacional destaca que a toma de decisión sobre a utilización destas armas debe basearse na proporcionalidade e necesidade.

É dicir, debe analizarse se hai outras opcións dispoñibles menos lesivas de modo que a utilización da arma non se basee só en que está dispoñible ou en que se considera “útil” para “resolver” situacións difíciles en materia de cumprimento da lei“, explicou Isabel Flores, que subliñou que “hai perfís de persoas que por determinadas condicións físicas son máis vulnerables fronte a este tipo de armas, como menores de idade, persoas maiores, persoas con riscos cardíacos ou embarazadas“.

As persoas baixo os efectos das drogas ou certos medicamentos asociados a doenzas psíquicas e ás persoas con problemas de saúde mental son as que se puido observar o maior número de casos de mortes polo uso das táser.

También te puede interesar