O Bloque Nacionalista Galego urxe un plan de conservación e protección do arboredo fronte á “motoserra depredadora” de Abel Caballero. Así o demandou o portavoz municipal do BNG de Vigo, após unha nova “talla masiva de árbores” nos últimos días nunha área de 2.500 metros cadrados no bulevar da Avenida de Castelao, onde apenas quedaron 3 exemplares de gran porte en pé.
Silencio do Goberno municipal
Xabier P. Igrexas interpelou sobre esta cuestión ao Goberno municipal na Comisión Informativa de Medio Ambiente celebrada este luns para preguntar sobre a xustificación técnica e ambiental deste “arboricidio” no barrio de Coia. “A resposta foi a de sempre: un clamoroso silencio”, denunciou Igrexas.
O portavoz do BNG asegurou que esta actuación “engádese a un longo historial de tallas inxustificadas por parte de Abel Caballero durante os últimos anos en diferentes ámbitos da cidade”: Gran Vía; Ronda de Don Bosco; o monte do Castro; na Praza da Miñoca; en Gregorio Espino; Martínez Garrido ou Samil. No mesmo sentido, criticou o “maltrato reiterado” contra os exemplares dos xardíns históricos da Alameda, “vandalizados” para ser postes de luces de Nadal; ou reformas como a peonalización da Porta do Sol que non contan con arboredo, agás un salgueiro chorón “enclaustrado nunha rídicula maceta-banco”.
Conservación e protección
Fronte a esta situación, dende o BNG volveron demandar un plan de conservación e protección que garanta un axeitado tratamento do arboredo urbano, evitando o seu deterioro e perigosidade en situacións de alerta meteorolóxica. “A cidade de Vigo non soporta máis arboricidios que supoñen unha política suicida en termos ecolóxicos”, subliñou Igrexas. Asi, o voceiro nacionalista lamentou que “o alcalde leñador non acabe de entender que as árbores non son cousas nin elementos ornamentais, senón unha peza absolutamente esencial no ecosistema urbano”.
Unha cidade máis verde
Neste sentido, Igrexas rexeitou as habituais xustificacións do Goberno local e chamou a avanzar nun modelo de cidade máis sustentábel e moito máis verde. “Nin as obras de humanización nin motivos estéticos xustifican a talla e retirada de arboredo de gran porte que, no mellor dos casos, é substituído por exemplares moito máis pequenos e de moito menores beneficios ambientais”.
A cidade das árbores
Pola súa banda, Abel Caballero sempre reivindicou o seu papel de valedor das árbores. O alcalde defendeu en varias ocasións que das case 12.000 árbores que hai no casco urbano de Vigo, preto da metade prantáronse durante o seu mandato.
No ano 2020, o Concello aprobou unha achega de 34,2 millones de euros- por un total de 5 anos, para o novo contrato de conservación e reposición de zonas verdes e xardíns. Nesta liña, o alcalde asugurou que as zonas verdes singulares de Vigo suman unhas 80 hectáreas, que abranguen a Praza de Compostela; Paseo de Alfonso; Parque del Castro; Castrelos; Parque da Guía; Samil; Zonas húmidas de A Bouza; Parque Barreiro e o Paseo do Lagares.
Además, os parques forestais incorporados ao contrato contan cuna superficie de 84 hectáreas.