A oferta cultural que a vicepresidenta primeira e delegada da área de Cultura da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, ten deseñado para a sede viguesa en colaboración con colectivos culturais da provincia segue a dar pasos cara adiante. Así, tralo coloquio sobre novela negra e social enmarcado no ciclo “A Movida Literaria” que continuará a vindeira semana con outro sobre literatura infantil e xuvenil en Galicia, chega esta semana á sede de Eduardo Chao “Culturgal Expandido”, unha proposta de literatura e música que supón tamén a chegada, por vez primeira e da man da Deputación, desta Feira das Culturas Galegas á cidade.
Xoves
O xoves 23 e o venres 24 de novembro a sede de Vigo acollerá esta “expansión”, de carácter simbólico e de balde, que anticipa unha liña de traballo entre Culturgal e a Deputación de Pontevedra que está previsto que continúe en futuras edicións. O programa dará comezo o xoves ás 18:00 horas cunha conversa arredor da memoria histórica na que compartirán impresións a escritora Iria Morgade, que acaba de publicar “Quen escribirá a miña historia?”, e a historiadora Alba Garrido que investiga en “De Galicia a Mauthausen” as orixes, contextos, traxectorias vitais e experiencias dos galegos que remataron nos campos de exterminio do III Reich.
Nesa mesma xornada do xoves, ás 19:00 horas, a autora viguesa Iolanda Zúñiga e o pianista “cosmodisciplinar” Velpister, que ademais de músico e compositor é pintor, escultor, escenógrafo, narrador, poeta, actor e cantante, farán unha lectura-concerto que trasladará ata Vigo a aposta das Feiras das Culturas Galegas polos formatos mestizos. E finalmente, ás 20:00 horas, a artista de Vilagarcía Catuxa Salom pechará a xornada coa sonoridade galega e arxentina que a caracteriza, nun formato que se desliza entre a música de raíz e a electrónica para explorar novos roteiros.
Venres
Pola súa banda o venres, 24 de novembro, “Culturgal Expandido” arrancará ás 18:00 horas coa celebración do 40 aniversario dos Premios Xerais, que reunirá na sede de Vigo a premios Xerais como Pedro Feijoo, María Reimóndez, Manuel Esteban, Rexina Vega e Santiago Lopo que serán presentados polo director de Galaxia, Fran Alonso.
Tamén o venres, a partir das 19:00 horas, a poeta e actriz María Lado ofrecerá un recital enchoupado do seu estilo íntimo, irreverente e prosaico. E, finalmente, ás 20:00 horas, Leilía compartirá co público a modo de entrevista as súas emocións ante a inminente xira de despedida “Anque me vou non me vou”, nun petisco do que poderemos ver no seu concerto en Culturgal.
“O noso obxectivo –asegurou a vicepresidenta Marta Fernández-Tapias na presentación das propostas culturais da Deputación na súa sede de Vigo- é recuperar o papel da cidade como referente cultural”. Neste eido, Fernández-Tapias amosou o compromiso do Goberno provincial de exercer de catalizador dunha cidade que, “sendo berce da Movida dos anos 80, ten pendente recuperar a súa posición de liderado á fronte da vangarda cultural de España e facer valer a súa calidade artística e de dominio cultural”.
Mércores, 29
Ademais de “Culturgal Expandido” e do ciclo de coloquios “A Movida literaria”, que se pechará o vindeiro mércores, 29 de novembro, ás 19:30 horas cun debate sobre novela infantil e xuvenil no que participarán Ledicia Costas, Marcos Calveiro, María Reimóndez e Manuel Esteban, a sede de Vigo acollerá “Ultraluz”, unha experiencia artística que dará vida á obra de Ledicia Costas o 19 de decembro ás 20:00 horas e que terá tamén réplica no Museo de Pontevedra o día 20.