Cultura

O vigués Pedro Feijoo bate récods coa súa novela ‘Ninguén contará a verdade’

Superou os 4.000 exemplares vendidos: récord na literatura en galego

O vigués Pedro Feijoo bate récods coa súa novela 'Ninguén contará a verdade'

‘Ninguén contará a verdade‘, a obra coa que o vigués Pedro Feijoo acadou o Premio Xerais de Novela 2023, esgotou a primeira edición só un mes despois de saír á venda. Neste tempo vendéronse 4.000 exemplares do thriller que explora o mapa da corrupción política, un dato de récord na literatura en galego. Xerais ten xa en marcha a segunda edición da novela.

Pedro Feijoo (48) percorrerá nas próximas semanas cidades e vilas galegas para celebrar encontros con lectores e lectoras arredor da obra. Esta mesma semana presentará tamén en Gondomar (Libraida, 19.30 horas); o día 28 na libraría Arte Ciencia de Peinador (19.00 horas) e o 2 e o 3 de decembro en Culturgal (cunha presentación ás 20.00 horas do sábado e unha sinatura ás 12.00 horas do domingo). A xira de presentación da novela rematará cunha sinatura en El Corte Inglés de Vigo o sábado, 16 de decembro, ás 19.00 horas.

A novela

Marosa Vega, unha talentosa e hábil xornalista que foi despedida por querer sempre investigar de máis, acepta un encargo moi especial dun antigo compañeiro. Salva Lamas pídelle axuda para desentrañar un caso de corrupción política que afecta ao presidente da Xunta e que está a deixar un regueiro de vítimas.

Construtores, banqueiros, avogados, altos cargos políticos, directivos de medios de comunicación… Todos teñen participación e obteñen beneficios da Administración pública: a empresa, «a máquina de verdade», como lle chaman. A súa ambición é absolutamente desmedida e son capaces de calquera cousa, por terrible, violenta e destrutiva que sexa, con tal de conseguir o que lles corresponde pola súa colaboración en favor do partido político no poder.

También te puede interesar