Afundación, a Obra Social de Abanca, inicia a venda dos abonos para a súa Tempada de Teatro para o Teatro Afundación de Vigo de xaneiro a xuño de 2024. Na mesma participarán algúns dos intérpretes máis relevantes da escena española como Isabel Ordaz, Lolita Flores, Anabel Alonso ou o galego Christian Escuredo.
Os abonos, que teñen un 20% de desconto con respecto ao prezo das entradas soltas, estarán á venda do 29 de novembro ao 1 de decembro na web Ataquilla.com. As entradas soltas estarán dispoñibles a partir do 2 de xaneiro na web Ataquilla.com e na Sede Afundación de Vigo (Policarpo Sanz, 26).
Todas as producións teatrais representaranse no Teatro García Barbón a partir das 20.30 h. Ademais, a tempada encádrase no programa solidario «Cultura por Alimentos», levado a cabo en colaboración con FESBAL.
Doble o nada
Inaugurará a tempada o mércores 24 de xaneiro a peza Doble o nada baixo a dirección de Quique Quintanilla e coa interpretación de Miguel Ángel Solá e Paula Cancio. O director dun importante medio de comunicación debe deixar o seu posto en mans dun dos seus dous subdirectores, un home e unha muller. Que influirá na decisión? A capacidade? O sexo? A experiencia? A audacia? O engano? A trampa? Unha obra de impacto emocional na que a traizón e o amor provocan xiros continuos na falsa ruleta do poder.
La ilusión conyugal
A continuación será a quenda de La ilusión conyugal, dirixida por Antonio Hortelano e interpretada por Álex Barahona, Ángela Cremonte e Alejo Sauras, quen sairá a escena o xoves 1 de febreiro. Unha tarde, María espera polo seu marido Maxi para facerlle unha proposta. Cando chega, dille que lle gustaría que fixesen un xogo para saber en que punto se atopa a súa relación despois de tantos anos de monotonía. O xogo consiste en saber a cantidade de amantes que tiveron durante o seu matrimonio. O tema vaise complicando e aos poucos comezan a poñer encima da mesa todas as miserias, mentiras e infidelidades das que foron obxecto durante a súa relación ata conseguir tirar por completo con esa máscara que levaban na cara e amosárense como de verdade son o un fronte ao outro.
La Celestina
La Celestina, de Fernando de Rojas, versionada por Eduardo Galán, será a terceira produción da tempada. Poderase ver o xoves 22 de febreiro, baixo a dirección de Antonio C. Guijosa e cun elenco formado por Anabel Alonso, José Saiz, Víctor Sainz, Claudia Taboada, Beatriz Grimaldos e David Huertas. Calisto, un mozo nobre, namorou de Melibea, pero ela rexéitao. Aconsellado polo seu criado, pide axuda a unha casamenteira para conquistala. A través de artimañas, Celestina consegue que Melibea namore del. Unha vez conseguido o obxectivo, aparece o drama: os criados de Calisto matan a Celestina porque se nega a repartir o beneficio con eles. Pero eles tamén son executados e, mentres, os namorados non teñen tempo de gozar do seu amor: Calisto falece nun accidente e Melibea acaba coa súa propia vida.
Hechos y faltas
O mércores 20 de marzo representarase Hechos y faltas, adaptada e dirixida por Bernabé Rico e interpretada por Antonio Dechent, Gonzalo Hermoso e Ángeles Martín. Os autores do texto Jeremy Kareken, David Murrel e Gordon Farrell convidan o espectador a reflexionar sobre a veracidade e a narrativa das noticias que lemos ou escoitamos a diario nos medios, en ocasións alterando e deformando a nosa percepción e coñecemento do mundo.
El novio de España
El novio de España é a seguinte obra, que sairá a escena o xoves 25 de abril. Ano 1952. Tras a Guerra Civil, os exiliados políticos non poden regresar. O recoñecido cantante vasco Luis Mariano está a rodar un musical que protagoniza xunto a Carmen Sevilla. Os dous teñen unha entrañable amizade que non se pode converter en amor polas preferencias sexuais del. Pero Luis está disposto a «heterosexualizar» a súa imaxe e pídelle á actriz que case con el. Ten unha poderosa razón: os seus pais, republicanos exiliados, queren regresar ao seu país, e se para que iso ten que renunciar a si mesmo, farao. Carmen négase a participar nun matrimonio por conveniencia, pero axudarao. O 18 de xullo, nunha festa de Franco, é o momento perfecto.
La profesora
Isabel Ordaz e Marcial Álvarez estarán en Vigo o xoves 9 de maio para representar La profesora, de Eduardo Galán, baixo a dirección de Carla Nyman. A través da comedia, a obra toca cuestións coma os límites da educación, o poder redentor da cultura e a dificultade da sociedade para aceptar a diferenza e superar os roles de xénero. Ortiz, un peixeiro dun supermercado duns 50 anos, acode a unha titoría para solucionar a situación da súa filla Daniela. O primeiro encontro coa titora, América Alcalá, unha muller de case 65 anos que non se quere xubilar por medo á soidade, resulta un verdadeiro asalto de boxeo.
Poncia
Finalmente, Lolita Flores poñerá o broche á tempada con Poncia, de Luis Luque (a partir de La casa de Bernarda Alba de García Lorca). Será o mércores 5 de xuño. Dentro dunha tormenta de néboa, Poncia, a criada de Bernarda Alba, reza pola morte de Adela. A casa sumiuse nun mar de silencio. Poncia fala soa e tamén con elas, con Bernarda Alba e as súas fillas.