Así é como se cumpren 108 anos. Son os que ten Concepción Val Cousiño, veciña de Covelo, a quen visitou o alcalde, Pablo Castillo, por suposto cun agasallo.
1915
“Concha é apreciada na súa parroquia e no concello por ser unha muller valente que non dubidou en marchar para Alemania cando tivo que sacar adiante aos seus fillos. Xa de pequena era quen de realizar traballos de forza e carácter”, sinala o alcalde. Concha naceu o 21 de novembro do ano 1915 no lugar de Pencellos, Maceira, un ano no que, ademáis de librarse a I Guerra Mundial, Alexander Graham Bell inaugura as chamadas telefónicas de costa a costa, nos Estados Unidos; en México, Pancho Villa asume o poder militar e civil; Albert Einstein publica a ‘Teoría xeral da Relatividade’; e tamén viñeron ao mundo Orson Welles, actor e director; a actriz Ingrid Bergman, o dramaturgo Arthur Miller, ou o mito da canción Frank Sinatra.
Emigrante
Concepción é nai de 2 fillos, Carmen e Valentín; ten 3 netos, Silvia, Víctor e David e 2 bisnetas, Sara e Alicia. Pero na familia de Concha tamén están o seu xenro, Antonio, e a súa nora, María del Carmen, e así o fai saber. Ten tamén no seu corazón ao seu irmán Sergio que vive en Uruguay e non esquece a seu home, Valentín, finado hai anos.
Coñeceu o traballo no campo e tamén coñeceu a emigración: con 48 decidíu marchar traballar a Alemania a unha fábrica de porcelana na que estivo doce anos. Dende pequena aprendeu a ser forte e a estar aló onde fose preciso para axudar á familia, sendo nena axudaba ao pai a carretar coa parella de bois que había na casa e traballou guiando aos bois que levaban as pedras nun carrro para a construción da central eléctrica de Maceira.
Traballadora incansable
Ata o último día que puido calcetou para toda a familia e prolongou ata o máximo posible a súa estancia en Maceira onde tivo todo tipo de animais: galiñas, porcos, ovellas, vacas… e unha horta capaz de subministrar a todos os fillos e netos cada fin de semana.
Agora vive na residencia de maiores de Coia onde a súa familia a visita semanalmente. Dela dín que é unha muller loitadora e coas ideas claras, que se enche de enerxía cada vez que a visita a familia, algo que a mantén con vida.
Concha é a máis lonxeva de Covelo e, probablemente, da comarca da Paradanta. Na súa memoria atesoura os grandes cambios sociais, económicos e históricos non só de Galicia, tamén de España e do mundo.