Activistas de ONGs ecoloxistas e de dereitos humanos despregaron hoxe unha pancarta na praza do Rei na que se podía ler “O clima tamén se xoga en Vigo”. Facíase, asi, unha clara alusión aos deberes que ten a cidade de cara a afrontar a emerxencia climática.
Carta ao alcalde
Ao mesmo tempo, presentaron unha carta aberta ao alcalde propondo a elaboración dun Plan de Acción Municipal sobre o cambio climático con medidas concretas que tanto de adaptación coma de mitigación dos seus peores efectos. Na mesma tamén reclamaron unha canle de diálogo permanente co Concello, “até agora inexistente”, que cristalice nunha Asemblea Cidadá polo Clima. Por último, achegaron un decálogo de propostas para converter Vigo nunha cidade sustentable e resiliente, elaborado polas organizacións ecoloxistas para combater a crise climática.
As cidades, axentes clave para saír do deterioro do planeta
Segundo as organizacións, os gobernos do mundo reúnense estes días na Conferencia das Naciones Unidas sobre o Cambio Climático de Dubai, COP28, para acordar medidas ante a crise climática. Neste contexto, “queremos que o Goberno de Vigo sexa consciente de que as cidades tamén son axentes de vital importancia para acadar unha saída ao deterioro ambiental do planeta, por canto “albergan a meirande parte da poboación mundial e son responsábeis directa ou indirectamente da maior parte das emisións de gases con efecto invernadoiro”.
Unha crise de dereitos humanos
Nesta liña, os ecoloxistas subliñan que “a crise climática é tamén unha crise de dereitos humanos que afecta aos dereitos á saúde, á auga, á vivenda e á vida”. Por iso, cómpre un plan municipal de mitigación e adaptación ao cambio climático, en consulta con todas as partes interesadas afectadas. O mesmo ten que “apostar por cambios inmediatos de políticas para abandonar de xeito gradual, pero con rapidez, os combustibles fósiles e dar conta dunha transición enerxética urxente e xusta que respecte os dereitos humanos, a biodiversidade e que protexa ás comunidades máis vulnerables”, sinala Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional.
Aportacións de Vigo
Entre as medidas que se inclúen no decálogo, adxunto á carta aberta a Abel Caballero, reflíctense varios ámbitos de actuación nos que Vigo podería sumar esforzos para frear o quecemento global. Entre eles están dende a xeración enerxética renovable urbana ata a mobilidade sustentable; a conservación e restauración da natureza; o coidado do rural e da ría; a fiscalidade verde ou a participación pública.
Mobilidade saudable
Unha das principais demandas é fomentar a mobilidade saudable e ao servizo da xente. Para as organizacións, as elevadas emisións de gases con efecto invernadoiro e a contaminación atmosférica e acústica causada polo tráfico na cidade con máis coches por habitante do Estado, son “graves problemas que están a afectar tanto á nosa contorna natural como á saúde da poboación viguesa, en especial a mozas, anciás e persoas con afeccións respiratorias”.
Emporiso é fundamental fomentar e priorizar a mobilidade non motorizada, activa e inclusiva, a pé e en bicicleta, o transporte público e as zonas de baixas emisións para retirar coches das rúas.
Respecto ao medio natural
Tamén demandan unha política integrada de respecto ao medio natural de Vigo, apostando pola renaturalización e a conservación dos espazos naturais; a ampliación e nova creación de áreas verdes, tanto na zona urbana como periurbana. A conservación de parques e xardíns; de árbores das rúas; da flora de beirarúas e espazos libres, reporta beneficios para a saúde e a calidade de vida das viguesas e vigueses.
“O privilexio que ten Vigo de contar cun amplo rural é unha oportunidade, non un castigo. O rural tamén protexe a cidade dos rigores do cambio climático, favorece a biodiversidade e contribúe de xeito importante á sustentabilidade. É vital. Necesitamos urxentemente plans de conservación e restauración da natureza e de protección do entorno rural”, destaca Manoel Santos, voceiro de Greenpeace.
Medidas concretas
“As propostas que presentamos levan aparelladas medidas de ámbito local que, en moitos casos, pódense implantar de xeito inmediato, xa que requieren máis vontade política que finanzamento. Unha vontade política que até agora non vemos, pois Vigo non parece tomar en serio o cambio climático e o importante papel das cidades na súa mitigación”, sinalou María Ogando, voceira de Verdegaia.
Recuperación da ría
Recuperar unha ría limpa e azul é outra das propostas do decálogo. Nese sentido subliñan que a ría é Vigo e Vigo é a súa ría. Os rigores do cambio climático poñen en perigo o litoral, pola suba do nivel do mar, e os seus recursos, polo aumento de temperaturas, a acidificación oceánica e os eventos climatolóxicos extremos. Por iso destacan que coidar da ría, co seu saneamento e a restauración dos ecosistemas litorais, tamén é coidar da cidade.
Xeración renovable
No eido enerxético, as organizacións destacan que os concellos urbanos son grandes consumidores de enerxía e xeradores de refugallos, pero tamén teñen moita capacidade de xeración renovable: sobre todo mediante plans de autoconsumo; autoconsumo compartido; comunidades enerxéticas e mesmo parques singulares, polo que reclaman a creación dunha oficina municipal da enerxía.
“A emerxencia climática aprémanos a transformar os nosos municipios para limitar o quecemento global a 1,5 °C e, para logralo, a ciencia indica que temos que atinxir cero emisións netas en 2040. Isto non se pode facer sen a participación decidida das cidades, que poden impulsar a xeración renovable distribuida en edificios e comunidades”, destaca Antón Lois, voceiro de Amigas da Terra.
Vigo participativo
A derradeira proposta do decálogo é a recuperación dun Vigo participativo. Por iso, demandan que a toma de decisións que moldean a cidade cara o futuro non pode facerse de costas á cidadanía.