Galicia

Novos cortes de tráfico polas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55

Este venres, día 1 e o luns, día 4 de decembro

Novos cortes de tráfico polas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa A-55

O avance nas obras de conexión da autovía Tui-A Guarda coa autovía A-55 fará necesarios novos cortes de tráfico durante este vindeiro venres, día 1 de decembro e o próximo luns, día 4.

Trátase de continuar os traballos no novo enlace do punto quilométrico 30 na autovía para dar conexión coa futura vía de altas prestacións Tui-A Guarda, coa execución da capa de rodaxe dos novos ramais e cuñas de incorporación e saída á autovía, sentido Tui-O Porriño.

Corte total dos ramais

Esta nova fase da intervención fai necesario proceder a un corte total dos ramais de entrada e saída da calzada esquerda da A-55 e á posta en funcionamento do transfer do tronco da propia autovía, dando servizo así ao tráfico pola calzada dereita.

Na programación destes traballos, que se levaran a cabo sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, inclúese a disposición dos desvíos de tráfico, en función das intervencións que se acometerán cada día.

Venres, 1 de decembro

O primeiro corte iniciarase o venres, día 1, e afectará á circulación sentido Portugal-Tui (calzada decrecente), futuro ramal de saída da autovía ao enlace. Esta afección iniciarase ás 06:30h coa montaxe da sinalización vertical e balizamento. A ligazón funcionará, como na actualidade.

Deste xeito, para facilitar a circulación do tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos. Manterase o enlace do quilómetro 30+000 funcionando na situación actual.

Luns, 4

Os traballos continuarán na noite do luns dia 4 de decembro no treito de circulación sentido Portugal –Tui (calzada decrecente), futuro ramal de entrada á autovía desde o enlace. Para facilitar o tráfico porase en servizo o transfer entre o quilómetro 30+500 e o 29+800, cortando a calzada esquerda/decrecente, dando servizo pola calzada esquerda cun único carril para ambos os sentidos de circulación.

Faise necesario o corte total do ramal de incorporación da ligazón do PK 30+000 ao tronco da A-55 (sentido decrecente), actualmente en servizo, os demais ramais da ligazón funcionarán segundo a súa disposición actual de obras.

Este segundo corte iniciarase ás 21:30h do luns día 4, facéndose coincidir coa diminución constatada na afluencia de tráfico, momento que se iniciará a montaxe da sinalización vertical e balizamento e unha vez que estea a calzada libre de circulación, iniciarase o fresado e estendido da nova capa de rodaxe. Para dar servizo aos usuarios que se queiran incorporar á autovía, sentido O Porriño, discorrerá o tráfico polo centro de Tui.

Por outra banda, a circulación do tráfico cara ao ramal de entrada da calzada dereita sentido crecente non se verá afectado por estes traballos, atopándose operativa a través do ramal de nova construción do quilómetro 30.

Cómpre indicar que o tronco da autovía e os ramais da ligazón atópanse actualmente xa sinalizados de obras, co cambio de sentido da saída 29B indicativo para incorporarse á estrada sentido Tui-Portugal.

Para a recirculación do tráfico sobre os enlaces quedarán delimitados por barreira de plástico tipo New Jersey, xunto coa súa correspondente sinalización horizontal e vertical de obras para o seu correcto desenvolvemento.

También te puede interesar