Comarcas

Remata o Ciclo Mestre Mateo cunha proxección, este xoves na Guarda sobre María Casares

Será ás 20:30h. no Centro Cultural

Remata o Ciclo Mestre Mateo cunha proxección, este xoves na Guarda sobre María Casares

O Ciclo Mestre Mateo chega ao seu fin este xoves na Guarda coa proxección do documental “María Casares, a muller que viviu mil vidas”. A través deste ciclo a Deputación de Pontevedra e a Academia Galega do Audiovisual achegaron entre maio e este mes de novembro as longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos de Baiona; A Estrada; O Grove; A Guarda e Caldas.

A última proxección, gañadora ao mellor documental nos premios Mestre Mateo, terá lugar no mesmo lugar no que arrancou este ano a iniciativa, no Centro Cultural da Guarda, e será este xoves ás 20.30 horas.

“María Casares, a muller que viviu mil vidas”

Xavier Villaverde (director e guionista) propón en “María Casares, a muller que viviu mil vidas”, unha aproximación íntima e profunda á vida da actriz, unha figura fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX. Trátase dunha homenaxe desde a súa Galicia natal, á que nunca esqueceu, no marco do primeiro centenario do seu nacemento.

No documental interveñen María Lopo, Emilio Grancío, Manolo Rivas, Mabel Rivera, Johana Silberstein, Jorge Lavelli, Marion Chénetier-Alev e Manolo Lourenzo.

Finalistas e gañadoras dos Mestre Mateo

Con esta última proxección o Ciclo Mestre Mateo chega ao seu final, despois de exhibir as películas premiadas e finalistas dos premios Mestre Mateo deste ano. Ademais de “María Casares, a muller que viviu mil vidas” tamén se proxectaron no marco deste programa filmes coma “Valentina” (Chelo Loureiro); “Live is life” (Dani de la Torre); “Código Emperador” (Jorge Coira); “O corpo aberto” (Ángeles Huerta); “A foreign song” (César Souto); “Unicorn Wars” (Alberto Vázquez Rico); “Onde máis doe” (Manane Rodríguez) ou “No somos nada” (Javier Corcuera).

También te puede interesar