A Deputación de Pontevedra pecha esta fin de semana en Ponteareas o ciclo “José Gil. Pontevedra, provincia de cine, na orixe do cinema”. A mesma comezara, en colaboración con Vía Láctea Films, cine na Rúa e Editorial Galaxia, o pasado o 24 de febreiro nas Neves co obxectivo de poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro no cinema galego.
Ponteareas, última parada
A última parada do programa, que a institución provincial desenvolveu ao longo destes, será este venres e domingo, 1 e 3 de decembro, en Ponteareas e incluirá proxeccións, visitas guiadas ao Cinemóbil e unha mostra sobre a traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que esta nacía en todo o mundo.
Venres, 1
Na xornada do venres 1 de decembro, o Auditorio Reveriano Soutullo acollerá entre as 10:00 e as 13:30h. proxeccións de balde dirixidas ao alumnado dos centros de ensino de Ponteareas. Nesta franxa horaria os rapaces poderán tamén desfrutar dunha visita guiada ao Cinemóbil Nº3 que inclúe 16 paneis explicativos sobre o cineasta a cargo de Manolo González e Ignacio Vilar.
Pola tarde, entre as 20:00 e as 21:30h. proxectaranse no mesmo auditorio catro filmes do artista para os veciños ponteareáns.
Domingo, 3
O programa continuará o domingo 3 de decembro cunha visita guiada por Manolo e Ignacio Vilar ao Cinemóbil 3 e aberta a toda a cidadanía. Despois presentarase o libro “Nos días encantados de agosto”, centrado na figura de José Gil, co seu autor, Manolo González quen acadou con el o premio Antón Losada Diéguez na categoría de investigación e Ensaio 2023.
A xornada rematará entre as 13:00 e as 14:00 horas cunha sesión vermú amenizada coa Banda de Música Reveriano Soutullo no auditorio homónimo.
O ‘Ano Gil’
O proxecto multidisciplinar “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” abrangueu presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades nun total de 30 concellos, para difundir e por en valor a figura e obra do considerado iniciador do cinema en Galicia.
A programación, logo das Neves, pasou por Cuntis; Cambados; A Guarda; Caldas; Mondariz; Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín, Vigo, O Grove e Salvaterra de Miño, Tui, Moaña e Vilagarcía de Arousa antes de chegar á súa fin en Ponteareas.
José Gil e Ponteareas
Ponteareas é un lugar central da memoria de José Gil. Aquí filmou varias películas locais como un partido de fútbol; a Semana Santa da vila; as Festas dos Remedios ou unha homenaxe a Gabino Bugallal. Na vila, ademais, xestionaba unha galería fotográfica pola que pasou boa parte dos seus veciños e tiña tamén a súa produtora “Galicia Cinematográfica”, único laboratorio cinematográfico de Galicia.