Os sindicatos con representación en Maderas Iglesias denuncian que “o desleixo da Xunta e a cobiza dos bancos van provocar o despedimento da totalidade do cadro de persoal da empresa”, con sede no Porriño. Entenden que esta situación vaise producir despois de que o conxunto das entidades financeiras veñan de vetar as operacións de compra da compañía, “que suporían a continuidade da unidade produtiva e dos postos de traballo”.
Despedimento de 164 peroas
“Estamos ante un claro exemplo de como as decisións financeiras poden ter un impacto devastador na vida da clase traballadora, xa que esta acción deliberada dos bancos suporá o despedimento de 164 persoas traballadoras que a empresa ten na actualidade”.
As centrais CIG, UGT e CCOO cualifican de “preocupante e vergoñento” que as entidades bancarias, que deberían desempeñar un papel crucial no apoio ás empresas e á economía en xeral, opten por tomar decisións que supoñen o despedimento de todos os empregados de Maderas Iglesias, “cando non hai tanto tempo que recibiron nas súas contas máis de 60.000 millóns de euros de fondos públicos”.
“Inacción” da Xunta
Ao mesmo tempo lamentan o desleixo e a falta de implicación da Xunta, “xa que a súa inacción volve a poñer de manifesto a total desconexión da realidade que o Goberno galego ten en materia industrial e que nesta ocasión pode supoñer o peche dun centro industrial e unha importantísima perda de emprego”.
Por iso consideran “urxente” que a Administración autonómica “tome cartas no asunto” e lle esixa ás entidades bancarias que reconsideren a súa posición e aporten un novo enfoque que permita a venta da unidade produtiva e a continuidade dos postos de traballo que se tiñan comprometido nas distintas ofertas presentadas no Xulgado do Mercantil.