A alcaldesa de Mos visitou as obras de humanización da contorna de San Eleuterio, que comezaron a finais do mes de agosto. Nidia Arévalo informou de que xa se realizou a excavación necesaria para acometer o muro de contención proxectado para o torreiro. Ademais, tamén rematou a execución da zapata do muro; a colocación da armadura e formigonado; o replanteo de cotas e niveis, así como as instalacións do abastecemento de auga, e de rego.
Os traballos da contorna da Ermida de San Eleuterio consisten na dotación de zonas verdes; renovación completa do mobiliario urbano; remodelación total da pavimentación da zona e protección de todos os elementos culturais.
Colaboración Concello-Xunta
Para esta obra, a Xunta de Galicia e Concello de Mos destinan un total de 1,03 millóns de euros e a actuación acométese ao abeiro do Plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego para axudar ás administracións locais a financiar proxectos municipais que melloran a calidade de vida da veciñanza. Asi mesmo, a Administración autonómica, tamén ten proxectada a construción de Vivendas de Protección Oficial, 100% públicas en San Eleuterio.
Máis actuacións
A alcaldesa lemba que dende 2019 xa se levaron a cabo outras actuacións ao abeiro desta iniciativa: a mellora da contorna da Casa Consistorial; pavimentación da urbanización de San Eleuterio; a humanización da contorna parroquial de San Mamede e, atópase tamén en marcha, a mellora integral da urbanización de San Rafael.
As devanditas actuacións, supoñen un investimento global de 2,8 millóns de euros.