A sección de Cirurxía Pediátrica do servizo de Pediatría do Álvaro Cunqueiro acaba de realizar a primeira operación de Galicia cun modelo virtual, unha reconstrución en 3D da lesión tumoral e dos órganos da área a intervir do paciente.
Un neno de 17 meses
O doente, un neno de 17 meses, presentaba un neuroblastoma no abdome /trátase do tumor maligno e sólido máis frecuente na infancia) de grandes dimensións (12 x 8 x 9 cm). O neno está xa dado de alta e evoluciona sen complicacións nin secuelas.
Alto risco
Segundo explica a cirurxiá pediátrica que coordinou a intervención, a doutora Pilar F. Eire, xunto cos cirurxiáns Marga Montero e Marcos Prada, “tratábase dun tumor moi grande e de difícil acceso, con moita implicación de vasos, veas e arterias sanguinas, polo que era unha cirurxía moi complicada, con alto risco de sangrado e de dano a estruturas veciñas e vitais. Gracias a este soporte virtual puidemos realizar unha planificación da cirurxía e ensaiala previamente”.
Ademais dos cirurxiáns pediátricos, no proceso terapéutico do paciente participou un equipo multidisciplinar composto por especialistas en Oncoloxía pediátrica, UCI pediátrica, Anestesia pediátrica e persoal de enfermaría.
Réplica personalizada
Este modelo virtual en 3D é unha copia exacta do tumor e da súa localización nos órganos abdominais do paciente. Asi, cCon técnicas de Intelixencia Artificial, na que participaron enxeñeiros biomédicos, informáticos, matemáticos, físicos e médicos, realizouse unha reconstrución tridimensional dos órganos abdominais do paciente, a partir das súas imaxes radiolóxicas. Neste caso, dos TCs que se realizaron previamente como seguimento da resposta do tumor á quimioterapia administrada antes da cirurxía (practicamente nula).
Este modelo permitiu unha planificación cirúrxica virtual, posibilitando visualizar a localización exacta do tumor e os vasos que o rodeaban, e, polo tanto, practicar e guiar o acto cirúrxico, evitando desta forma as lesións inesperadas.
Máis precisión e seguridade
As vantaxes de practicar previamente a cirurxía de xeito virtual son evidentes, tanto para os cirurxiáns como para o paciente, sobre todos naqueles casos de gran complexidade, xa que ese modelo aporta fundamentalmente unha gran seguridade na anatomía concreta de cada paciente (cirurxía personalizada).
“Gracias á planificación cirúrxica evítanse complicacións intraoperatorias como os riscos de sangrado, e conseguimos unha maior eficacia, máis precisión e menos horas de cirurxía. En consecuencia, os pacientes requiren menos tempo de hospitalización, presentando unha mais rápida recuperación. Neste caso, o neno solo estivo 6 días hospitalizado e ao segundo día xa estaba bailando na UCI.”