Con motivo das principais datas de celebración do Nadal, o Concello de Vigo e FCC teñen previsto poñer en marcha un operativo especial de limpeza que que garanta a correcta recollida e xestión do elevado volume de residuos que se xeran nestes días.
Día de Nadal, 25 de decembro
Tendo en conta que o día 24, Noiteboa, non se prestará o habitual servizo, o 25 de decembro, realizarase un reforzo cun dispositivo integrado por 50 operarios e 25 vehículos que se encargará de recoller as preto de 110 toneladas de residuos que se esperan acumular, especialmente de cartóns e envoltorios procedentes dos agasallos. A noite do día 25 de decembro volverá haber servizo de recollida nocturna.
Fin de Ano
No caso da festividade de Fin de Ano, activarase tamén un servizo especial o día 1 de xaneiro conformado por 60 traballadores que se encargarán do barrido e posterior limpeza das rúas con auga a presión.
Día 5 de xaneiro
Ademais, o 5 de xaneiro, poñerase en marcha un Servizo de limpeza urxente (SERLUVI) que realizará unha limpeza rápida nas rúas polas que percorrerá a cabalgata dos Reis Magos e que estará conformado por 40 operarios e 20 medios mecánicos, entre eles, 9 hidrolimpadoras, que se encargarán de restablecer o paso en beirarrúas, zonas peonís ou o tránsito de vehículos.
Así mesmo, entre o sábado día 6 e o domingo 7 de xaneiro, reforzaranse tamén os labores de recollida de papel e cartón e de envases.