O Bloque Nacionalista Galego pregunta a Abel Caballero cando se van instalar as luces de Nadal fóra do centro de Vigo. Neste sentido, os nacionalistas piden que o Goberno local aclare cando ten previsto completar a colocación do alumeado nas 450 rúas comprometidas no contrato, subscrito por 2,3 millóns de euros anuais e que inclúe a instalación de 6.000 estruturas e 4.000 arcos.
“Máis do dobre que o gasto en axudas sociais“
“Estamos a 14 de decembro e unha parte importante deses elementos aínda non foron instalados e un bo número de rúas, fóra do centro, continúan sen alumeado de Nadal”, cuestionou o portavoz municipal do BNG de Vigo. Xabier P. Igrexas, lembra que o custo do alumeado e decoración aumentou até un 60% nos últimos tres anos, o que supón máis do dobre de gasto do que o Concello destina a axudas sociais.
Cando?
Igrexas interpelou o alcalde para que informe se finalmente se van colocar todos os elementos e cando ten previsto facelo. No caso de que non se instalen, Igrexas esixiu que Caballero aclare se vai descontar do pago o alumeado sen despregar.
“O que non pode pasar é que por causa do incomprensíbel atraso na licitación do novo contrato, que se formalizou o pasado 8 de novembro cando estaba previsto o inicio da instalación en agosto, paguemos por traballos que non se realizaron totalmente”, remachou.