Unha representación da xunta directiva da Asociación Veciñal de Teis presentou no Rexistro municipal 604 reclamacións-alegacións individuais a aprobación inicial do orzamento xeral do Concello de Vigo para 2024. As mesmas foran recollidas nas últimas semanas entre a veciñanza, durante o período de a información pública do orzamento que finaliza este martes, día 19 de decembro.
Sen proxecto para a piscina de Teis
Con esta campaña de recollida de reclamacións, apuntan dende a Asociación Veciñal, “queremos esixir que se aumente a partida destinada a recuperación da piscina municipal, pois só figuran 450.000 euros e tampouco hai proxecto para recuperala, o que impide que a piscina, pechada desde hai 18 meses, poda abrirse ao longo de 2024“.
Recuperar a da ETEA
Ademais, esixen que os orzamentos recollan tamén unha nova partida para recuperar a piscina da ETEA, cuberta en 2017, pero incluíndo un sistema que no futuro permitiría poder recuperala, “e que agora podería atender as necesidades de Teis”. A recuperación desta pileta formaría parte da “idea de crear un complexo deportivo modelo “Mais que Auga” na ETEA”, sinalan os veciños que seguen lembrando que “en Teis, tiñamos dúas piscinas e agora non temos ningunha”.