O presidente da Comisión de Transportes do Congreso dos Deputados e candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou esta mañá que o vindeiro 30 de decembro se reabre ao tráfico a autovía A-6 en
dirección Madrid, tras finalizar a reconstrución dos dous viadutos do Castro entre Pedrafita do Cebreiro e Vega de Valcarce (León). A circulación recuperará así a normalidade neste tramo despois de intensificarse os traballos para restablecer a conexión de Galicia coa meseta.
Cumprense os prazos
Besteiro salientou “o estrito cumprimento dos prazos”. “Dunha forma rapidísima e con moitísima contundencia investíronse por parte do Estado 70 millóns de euros para recuperar de xeito urxente, rapidamente, o viaduto que colpasara hai aproximadamente pouco máis dun ano. Nun tempo récord recuperouse a conexión coa meseta e con Madrid”, apuntou.
Reconstrución de dous viadutos
O 30 de decembro abrirase ao tráfico no sentido a Madrid tras a reconstrución dos viadutos pequeno e mediano neste tramo; coa finalización das obras de instalación do sistema de contención; as probas de carga e a sinalización e balizamento, entre outras cuestións.
A apertura da calzada sentido Madrid permitirá aliviar o tránsito de vehículos pola travesía de Pedrafita do Cebreiro, por onde actualmente se deriva todo o tráfico da autovía en ambos sentidos.
Dirección á Coruña
Ademais, agora mesmo, estanse executando de forma paralela e coordinada os traballos correspondentes ás cimentacións de pilas do viaduto grande na calzada, sentido A Coruña. O tráfico permanecerá, nesta primeira fase de apertura, circulando pola autovía A-6 ata o quilómetro 428, no que se incorporará á N6 ata o 432, podendo neste punto reincorporarse de novo á autovía.
Os traballos no maior do viaduto “permitirán a apertura completa da circulación en sentido á Coruña no 2024”, engadiu Besteiro.