O Bloque Nacionalista Galego chama as viguesas e vigueses a consumir produto galego e local. Por iso, os nacionalistas veñen de presentar este xoves no mercado das Travesas a súa campaña ‘Mellor local. Mellor galego’ en favor do pequeno e mediano comercio de proximidade con medidas para “reverter a falla de apoios durante os últimos anos por parte do Concello de Vigo e da Xunta de Galiza”.
8.000 negocios de proximidade pechados
A deputada e portavoz de Comercio do BNG no Parlamento galego, Carmela González, acompañada do portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou en rolda de prensa o “nulo compromiso do Goberno galego do PP co comercio local”. Nese sentido, lamentou que se teña reducido o orzamento nesta área en máis de 238 millóns nos últimos 14 anos, tempo no que pecharon até 8.000 negocios de proximidade en Galiza, unha cuarta parte do sector.
González trasladou algunhas das propostas do Bloque en favor do comercio local, como frear a expansión “sen límites” de grandes superficies comerciais de capital transnacional que “afogan e compiten de maneira inxusta” co pequeno comercio aproveitando a desregulación dos horarios de apertura e dos períodos de rebaixas.
“Menos welcome Primark e máis comercio local”
Na mesma liña, o portavoz municipal do BNG de Vigo destacou o papel “fundamental” do comercio de proximidade á hora de “vertebrar a cidade, dinamizar os nosos barrios e parroquias e crear emprego estábel”.
Asi, fronte a esta aposta, Igrexas lamentou a “falla de apoio do Goberno de Abel Caballero malia os graves efectos das crises da pandemia e da actual derivada da inflación sobre o pequeno e mediano comercio vigués”.
Igrexas denunciou que o Concello de Vigo é o único das sete grandes cidades galegas que non despregou nos últimos anos ningunha liña de axudas directas para o sector. Criticou ademais que nas últimas semanas o Goberno municipal teña rexeitado dúas iniciativas do BNG para despregar un Plan de Impulso do Comercio Local, dotado con 300.000 euros, e outra medida en favor dos mercados municipais, con medio millón de orzamento.
“O BNG queremos animar as viguesas e vigueses a comprar nos comercios locais, e o dicimos cunha frase que resume moi ben a nosa aposta: menos welcome Primark que dicía Abel Caballero e máis mercar no pequeno e mediano comercio da cidade e nos mercados municipais como este das Travesas”, remachou.