A Deputación de Pontevedra destinará máis de 1,6 millóns de euros do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas a Arbo, Baiona, A Cañiza, Covelo, Crecente, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mondariz-Balneario, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, Ponteareas, O Porriño, Redondela, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui.
Máis de 230.000 habitantes
Con este novo programa estes concellos, cuxa poboación conxunta ascende a máis de 236.000 habitantes, poderán destinar recursos a construír e mellorar instalacións deportivas, adquirir terreos para uso deportivo ou mercar equipamentos ou material.
4 millóns de euros
O Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas ascende a 4 millóns de euros aos que poden optar todos os concellos da provincia agás Pontevedra e Vigo, que se rexen por convenios específicos. As bases do plan, que veñen de ser publicadas o pasado 22 de decembro no Boletín Oficial da Provincia, establecen que os recursos serán distribuídos nunha parte fixa a repartir entre os concellos (1,2 millóns de euros) e noutra variable en función da poboación (2,8 millóns de euros).
Beneficiarios
Deste xeito, o concello de Arbo pode beneficiarse de máis de 33.000€; Baiona de máis de 81.000 €; A Cañiza de 45.500€; Covelo de 32.500€; Crecente de preto de 30.000€; Fornelos de Montes de máis de 28.000€; Gondomar de máis de 94.000€; A Guarda de preto de 70.000€; Mondariz-Balneario de preto de 24.000€; Mondariz de máis de 42.000€; Mos de máis de 95.000€; As Neves de preto de 39.000€; Nigrán de máis de 109.000€; Oia de 35.500€; Pazos de Borbén de 35.000€; Ponteareas de preto de 134.000€; O Porriño de preto de 121.000€; Redondela de preto de 164.000€; O Rosal de máis de 52.000€; Salceda de Caselas de máis de 66.000€; Salvaterra de Miño de 70.000€; Soutomaior de 57.500€; Tomiño de máis de 88.000€ e Tui de máis 106.000 €.
Mellora e modernización, equipamentos ou terreos
Con estes recursos estes concellos poderán construír novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, incluídas as cubertas destes espazos; modernizar, remodelar ou mellorar as instalacións deportivas; dotar de equipamentos ou material deportivo estas instalacións; ou adquirir terreos destinados a uso deportivo.
As bases do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas contemplan que os concellos terán tres meses dende a publicación da convocatoria para presentar os proxectos de orzamentos destas actuacións deportivas, que deberán ser superiores aos 20.000 euros ou, no caso da compra de material, un mínimo de 6.000 euros. Ademais, os investimentos deberán estar executados na súa totalidade o 30 de abril de 2025 e as axudas son compatibles con outras subvencións, polo que os Concellos poderán contar con achegas doutras administracións sen que a contía do organismo provincial se vexa reducida.