Comarcas

A Deputación reforza a xestión do CAAN e do servizo de recollida de animais abandonados

Tamén as campañas de adopción

A Deputación reforza a xestión do CAAN e do servizo de recollida de animais abandonados

A Deputación de Pontevedra reforzará a xestión do servizo de recollida de animais abandonados na provincia e do Centro de Acollida e Protección de Animais de Armenteira (CAAN) para axudar aos concellos da provincia. O presidente Luis López informou de que o organismo provincial destinará 1,4 millóns os próximos dous anos á prestación deste servizo, do que se benefician 52 concellos da provincia e que executará Tragsatec.

Recollida de animais

Máis polo miúdo, a Deputación encargarase dende a recollida de animais abandonados e/ou vagabundos as 24 horas dos 365 días do ano, ata a recollida de animais con propietario que, por causas xustificadas, non poden ser atendidos; a localización de propietarios; colaboración con diferentes autoridades competentes no comiso e retirada de cans; a xestión da entrega de animais; así como as actividades de esterilización de gatos procedentes das colonias felinas dos concellos da provincia de Pontevedra, con menos de 20.000 habitantes, que conten xa cun sistema de xestión destas colonias.

CAAN

Ademais, no CAAN levaranse a cabo tarefas de mantemento e coidado dos animais recollidos; limpeza e desinfección das instalacións; identificación dos animais non identificados e/ou adoptados, previo á súa saída do centro; revisión e tratamento sanitario de animais abandonados nas primeiras 24 horas dende a súa entrada; asistencia veterinaria; esterilizacións e xestión de adopcións e cesións de animais declarados abandonados a particulares.

Campañas de adopción

Tamén se contempla a colaboración no deseño e desenvolvemento de campañas de adopción; a formación e asesoramento de técnicos e autoridades municipais para o exercicio das súas competencias; os controis, a vixilancia e a argumentación dos expedientes administrativos.

A actividade tamán abranguerá o inicio e seguimento de expedientes de protección animal e en materia de animais potencialmente perigosos; realización de estudos e informes solicitados por diferentes concellos sobre as actuacións realizadas e sobre a valoración das condicións de mantemento dos animais; e colaboración en investigación sobre saúde e benestar animal.

Preto de 600 adopcións

A Deputación atende a través do CAAN unha media de entre 230 e 250 animais nas instalacións de Armenteira. Desenvolve tamén un esforzo para fomentar as adopcións e previr o abandono animal, con campañas de concienciación e actuacións de colaboración que implicaron, tal e como explicou o presidente Luis López, que neste ano 2023 se teñan superado as 585 adopcións.

También te puede interesar