Afundación e a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura presentan para estas vacacións do Nadal un obradoiro ao redor da mostra «Vigo non tempo», que se pode visitar actualmente na Sede Afundación de Vigo, dirixido a nenas e nenos de 5 a 10 anos.
Esta proposta, que se desenvolverá este mércores, 27 de decembro e este xoves 28 de decembro e os próximos 2, 3 e 4 de xaneiro, en horario de 11.00 a 13.00 h, permitiralles explorar a rica historia e cultura de Vigo. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com.
As orixes da cidade
Os participantes farán unha visita guiada á exposición, adaptada a público infantil, na que explorarán Vigo desde as súas orixes ata a actualidade a través dunha combinación única de obxectos históricos, obras de arte, documentos, fotografías e recreacións virtuais. Despois da visita, comezará un taller de creación de xoguetes sostibles no que as nenas e nenos aprenderán a deseñar e fabricar os seus propios xoguetes utilizando materiais reciclados e respectuosos co medioambiente.
Máis de 5.000 persoas visitaron xa a mostra «Vigo no tempo», que permanecerá aberta na Sede da Obra Social de ABANCA ata o 20 de xaneiro de 2024, en horario de luns a domingos de 11.00 a 14.00 h e 17.30 a 20.30 h (excepto as tardes do 31 de decembro e 5 de xaneiro).
‘Vigo no tempo’
«Vigo no tempo» é a quinta das sete mostras que compoñen o proxecto «Cidades no tempo», iniciado en 2022 co obxectivo de reivindicar a identidade urbana de Galicia. A proposta pon agora o foco nunha das urbes máis destacadas a nivel cultural e industrial da Comunidade.
Asi, o relato expositivo explora a cidade desde as súas orixes ata a actualidade cunha combinación única de obxectos de alta cultura e cotiáns; obras de arte; documentos históricos; mapas e planos; recreacións virtuais; fotografías e ublicacións.
Deste xeito, a mostra parte dunha visión de Vigo como un lugar cunha profunda vontade de constituírse como unha gran cidade. Así, fai un percorrido pola realidade dunha urbe que medrou nun territorio xa intensamente habitado incluso antes da propia idea de cidade.
O traxecto abrangue as infraestruturas máis relevantes a nivel comercial, cultural e de comunicacións, mesmo os proxectos que non saíron adiante. Un camiño que repasa, ademais, pezas arqueolóxicas de grande importancia, os documentos fundacionais, algunhas das imaxes máis antigas da cidade ou os referentes da renovación pictórica e musical.