A Asociación Veciñal de Teis, dirixiuse por escrito hai quince días a Julio Comesaña, conselleiro de Sanidade, para trasladarlle a súa “preocupación e indignación” pola falta de médicos polas tardes no centro de saúde.
Citas para dentro de 15 días e urxencias derivadas ao PAC
Os veciños apuntan a que, desde o pasado mes de novembro no centro de saúde de Teis hai 3 médicos polas tardes, cando o centro debería de contar cun total de 9 médicos. Esta falta de persoal provoca que, “cando solicitas cita, estas sexan para dentro de 15 días e que as urxencias sexan derivadas para o Punto de Atención Continuada (PAC) de Pizarro, ademais, de sobrecargar de traballo ao médicos que están polas tardes”.
Deterioro da atención sanitaria
Esta situación, subliñan dende a Asociación veciñal, provoca un “deterioro da atención sanitaria”, que non pode prolongarse no tempo, “como acontece xa noutros centros de saúde”. De aí que os veciños veñan de solicitar ao conselleiro que, “de maneira urxente, se destinen os médicos necesarios polas tardes para cubrir as prazas coas que conta o centro de saúde de Teis”.