Comarcas

As badaladas de Fin de Ano soarán este sábado no Porriño

Co Combo Dominicano, uvas, cotillón e chocolatada

As badaladas de Fin de Ano soarán este sábado no Porriño

O Porriño prepárase para despedir o 2023 por anticipado. Un ano máis, o Concello organiza este sábado 30 de decembro unha xornada chea de actividades para todas as idades.

Programa pola mañá

Asi, ás 11.30 horas dará comezo a festa infantil na que a cativada será a protagonista e terá o seu propio pre fin de ano con actividades, animación e pasarrúas de personaxes infantís. O grupo Xeración M, gañador do concurso “Este Nadal canta con nós” da CRTVG, será o encargado de abrir a festa. Non faltarán tampouco as doce badaladas, que soarán as 12 do mediodía, presentadas por Hernán Sío, neno do Porriño referente en ximnasia rítmica. E, de seguido, concerto infantil a cargo de “Ollo Piollo” da compañía Barafunda.

Tarde e noite

Arredor das 19.00 horas iniciarase a festa grande coa música de dj Donper e a das rondallas de Pontellas e Santa Eulalia de Atios que desfilarán polas rúas da vila. De seguido, sobre as 21.30 horas, dará comezo a actuación da orquestra El Combo Dominicano e ás 00:00h. volverán soar as doce badaladas, presentadas nesta ocasión por Raquel Atanes e Juan Fuentes, do programa “Quen anda aí?” da TVG. Haberá uvas, cotillón e chocolate de balde para todos os asistentes.

Xa para pechar a noite, sesión dj con Samu Pexe e Pitty. O escenario de toda a xornada festiva será a rúa Domingo Bueno.

Todo o mundo está convidado

“Dende o Concello convidamos á veciñanza, e tamén a todas as persoas de fóra que así o desexen, a acudir ao centro da vila para festexar todos xuntos, de xeito anticipado, o fin do ano 2023 e o recibimento do ano novo, unha cita convertida xa en tradición no Porriño”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo asegurando que se manterá no calendario festivo e cultural do Concello.

También te puede interesar