A nova Unidade de Hospitalización de Saúde Mental Infanto-Xuvenil iniciou hoxe o seu funcionamento no Hospital Álvaro Cunqueiro. Así, as novas dependencias xa acolleron aos 3 primeiros pacientes, menores con problemas de saúde mental. Sanidade realizou un investimento de 1,3 millóns de euros nas novas instalacións que contan cun espazo de 740 m2.
Menores de 16 anos
En concreto, esta unidade, que dará asistencia específica aos menores de 16 anos con problemas agudos saúde mental, é a segunda de Galicia (existe outra en Santiago). De feito, funcionará como referencia para todo o sur da comunidade (incluíndo as áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra e o Salnés, e a área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras).
O obxectivo é facer fronte ao incremento da demanda que se observa nestas patoloxías, especialmente intentos de suicidio, trastornos de conduta alimentaria ou trastorno psicóticos.
20 profesionais
Para iso, conta cun equipo integrado por 20 profesionais: 2 psiquiatras; 1 psicóloga clínica; unha traballadora social; 1 terapeuta ocupacional; 7 enfermeiras e 8 técnicos en coidados auxiliares de enfermería.
No que vai deste ano, o servizo de Psiquiatría leva rexistrados 70 ingresos de menores con patoloxías psiquiátricas, que ben eran hospitalizados en Pediatría ou tiñan que ser derivados á Unidade especializada de Santiago. Agora, estes pacientes xa dispoñen dunha hospitalización específica e especializada no Cunqueiro.
Unha área “humanizada”
Para facelo posible, a nova Unidade conta con entrada propia pola zoa sur do edificio hospitalario e dispón dunha área asistencial con 6 habitacións que poden facerse dobres; área de terapia; e área de estar –con aula, sala de xogos, despacho docente, e sala de espera de familiares-. Conta tamén cunha zona de consultas, de investigación e docencia.
Trátase dun espazo humanizado, construído con madeira e cristal, cunha estética coidada que ofrece un entorno acolledor e confortable, no que prima a relación co exterior, a luminosidade, a discreción e a privacidade. Incluso dispón dun pequeno xardín con céspede artificial, plantas e flores.