Cultura

Aberto ata o día 5 o prazo de inscrición para participar en Conecta+, en Vigo

A sede da Deputación acollerá ás principais produtoras audiovisuais de España

Aberto ata o día 5 o prazo de inscrición para participar en Conecta+, en Vigo

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo converterase o sábado 20 de xaneiro a partir das 10:00 horas no epicentro do audiovisual estatal coa xornada Conecta+. Trátase dun evento no que as principais produtoras audiovisuais, plataformas e creadoras de contido da Península Ibérica debaterán e intercambiarán experiencias con creadores galegos. As persoas interesadas en participar no encontro poderán formalizar a súa inscrición a través da web da Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) ata este venres, 5 de xaneiro.

Proxectos audiovisuais

A xornada Conecta+ trátase dunha ferramenta para poñer en contacto a creadores de Galicia con guionistas, profesionais da dirección e da produción interesados en desenvolver os seus proxectos. Para elo o encontro aséntase en reunións un-a-un nas que os creadores que participen terán a oportunidade de presentar as súas ideas a profesionais do audiovisual e recibir as súas opinións e orientacións para fortalecelos ou desenvolvelos.

Dosier

Deste xeito as persoas que desexen participar, ademais de formalizar a inscrición antes do 5 de xaneiro, deberán presentar un dosier -ou guión completo dialogado no caso de curtametraxes- ou unha memoria cun mínimo de dez páxinas -no caso de longametraxes, series de televisión ou documentais-.

Cinco proxectos

Conecta+ enmárcase na iniciativa Conecta Lab, un programa impulsado pola Deputación de Pontevedra xunto con CREA, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e a única entidade española especializada na xestión de dereitos de autor de obras audiovisuais, DAMA, para acompañar, impulsar e promover seis proxectos audiovisuais emerxentes de proxección.

Cinco destes proxectos serán seleccionados antes da xornada entre as máis de 200 persoas que se presentaron á convocatoria do programa, aberta a finais de outubro e pechada o 30 de novembro. O sexto será elixido polas produtoras e creadoras de contidos entre os participantes inscritos na xornada Conecta+ que acollerá a sede da institución provincial en Vigo o 20 de xaneiro.

San Simón

Os seis proxectos participarán entre o 19 e o 29 de abril nun laboratorio creativo na Illa de San Simón no que traballarán, recibirán formación e convivirán con recoñecidos profesionais do audiovisual. Na edición de Conecta Lab do pasado ano participaron profesionais como Óliver Laxe; Álvaro Gago; Iziar Bollaín; Celia Rico; Carlos Marqués-Marcet; Mikel Rueda o Laura Sarmiento.

También te puede interesar