O pasado día 12 de decembro de 2023 daban comezo os traballos de corta que dan inicio ás obras da primeira fase da Modificación Puntual do Plan Parcial de Navia, a construción do polígono 1, que consiste na edificación de 733 vivendas dun total de 1.600 previstas na ampliación. Dende ADEGA amosouse o rexeitamento a un proxecto urbanístico que “destruíu xa de forma definitiva o pouco que quedaba dun dos poucos anacos de bosque atlántico dentro da zona urbana da cidade de Vigo”, para o que foi convocada unha concentración o pasado 14 de decembro á que acudiron ducias de veciños.
Novo acto
ADEGA-Vigo convoca un novo acto para este mércores, 3 de xaneiro ás 17:00h (diante do Centro de Saúde) que contará coa participación da poeta Silvia Penas nunha acción performativa para despedir a carballeira cortada a cal, malia as declaracións vertidas por representantes da Consellería do Medio Rural, a distintos medios, nos que afirmaba que se ían preservar a maior parte das árbores, foi destruída na súa maioría como ben pode comprobar quen por alí se achegue.
Vigo Arena
A seguir ao acto poético realizarase un pequeno roteiro até o lugar da Barroca para coñecer outra pequena carballeira que podería desaparecer ao construírse sobre ela o proxecto anunciado por parte do Concello de Vigo do auditorio Vigo Arena.