O Concello de Nigrán iniciou os traballos de cara a posta en valor e recuperación da Praia da Cansadoura, en Patos. Será a primeira vez que a protección do sistema dunar se extende a outro areal diferente ao Praia América-Lourido. Asi, o Concello contratou á cooperativa Teixugo por 11.000 € o peche perimetral das dunas; a reparación da pasarela existente; a instalación de sinalización informativa e a eliminación de especies invasoras.
En perigo
Este areal contiguo a Patos (ao carón da Residencia de Tempo Libre) conserva un pequeno sistema dunar actualmente en perigo, porque os bañistas atallan desde o aparcadoiro por carreiros que seccionan as dunas en lugar de empregar a pasarela peonil. Por esta razón, ao igual que en Panxón desde hai décadas e en Lourido o ano pasado, toda a área dunar será pechada perimetralmente mediante postes de madeira,
Ademais, acometerase a restauración da pasarela de acceso e, adicionalmente, e cun fin educativo e divulgativo, colocaranse 2 paneis informativos que recompilen información sobre a riqueza do sistema dunar e a importancia da súa protección e rexeneración (mediante texto, imaxes, infografías e debuxos).
Afortunadamente, nestas dunas o estado de conservación é máis que aceptable porque tan só se aprecian uns pés de margarida africana como especie invasora (serán erradicadas) mentres que figuran especies autóctonas seriamente ameazadas como o tomelo de praia, correola de praia, cebola das gaivotas, cardo marítimo e prixel de praia.