Comarcas

Os Reis Magos en Mos, Redondela, Tui e Covelo

Este venres 5 de xaneiro, día intenso para Melchor, Gaspar e Baltasar

Os Reis Magos en Mos, Redondela, Tui e Covelo

Como cada 5 de xaneiro, os Reis Magos teñen unha cita ineludible cos máis pequenos. As Súas Maxestades terán un día esgotador visitando as parroquias de varios concellos.

Mos

Asi, as carrozas de Melchor, Gaspar el Baltasar – escoltadas polos nenos e nenas da Asociación de veciños de San Rafael- desfilarán polas rúas de Mos, dende as 18:00h, chegando á Avenida de Sanguiñeda (dende a Ponte de Senlle ata o supermercado Eroski). Os axudantes dos Reis repartirán 1.000 quilos de caramelos sen glute e entregarán o tradicional agasallo a todos os nenos e nenas que se acheguen a saudalos.

Redondela

Os Magos de Oriente estarán tamén en Redondela. Co gallo da previsión de chuvia os Reis recibirán aos nenos e nenas nunha carpa instalada no campo da feira de 11.00 a 13.30 horas. Xa pola tarde, se o tempo o permite, realizarase a cabalgata dende as 18:00h. En caso de choiva as carrozas manteranse na carpa do campo da feira de 17:30 a 20:30 horas. Na carpa haberá moitas actividades, animación e sorpresas para que os máis pequenos poidan vivir a maxia do día de Reis.

Este ano ampliouse a cabalgata, cun total de seis carrozas ambientadas en contos infantís e con moitas sorpresas, e “será o mellor desfile de Reis na historia de Redondela”. Melchor, Gaspar e Baltasar estarán acompañados da Coca Simona, os Tres Porquiños, Cenicienta e Aladdín coa súa lámpada marabillosa, entre outros famosos personaxes dos contos. Ademais, repartirán unha tonelada de caramelos sen glute e sen alérxenos.

Como cada ano, as Súas Maxestades recibirán tamén aos nenos e nenas na Casa do Concello a partires das 20.00 horas.

Tui e Valença

Melchor, Gaspar e Baltasar volverán a percorrer, tamén, ás rúas da Eurocidade Tui-Valença. As súas Maxestades de Oriente chegarán ás 16:00h até a Estación de Valença, onde serán recibidos polas autoridades locais. Ás 17:00h. nas súas magníficas carrozas coidadosamente decoradas e iluminadas iniciarán un percorrido de 3,5 quilómetros. Coma veñen facendo dende 2010 os Reis Magos protagonizarán a única cabalgata internacional que se realiza entre España e Portugal.

En total serán máis de 200 persoas as que acompañen aos Reis neste percorrido internacional no que repartirán ilusión, maxia e 1.500 quilos de caramelos sen glute.

Os Magos irán dende a Estação de Comboios de Valença; pasando polas avenidas do Colégio Português e Miguel Dantas; a rotonda da Trapicheira e a avenida de Espanha. Punto destacado no seu percorrido será o paso pola vella Ponte Internacional, para continuar xa en Tui pola avenida de Portugal; as rúas Martínez Padín e Augusto González Besada, até a carpa do Paseo da Corredoira, onde está prevista a súa chegada ás 19 h. Tras saudar a todas as persoas que alí se atopen Melchor, Gaspar e Baltasar, recibirán a todos os nenos e nenas que desexen achegarse a compartir con eles uns minutos.

Covelo

As súas maxestades tamén ultiman os preparativos para a súa visita oficial ao Concello de Covelo. Asi, visitarán as parroquias e o centro urbano parándose a saudar nos negocios de hostalaría, nas prazas e nas casas e centros culturais.

Segundo fontes oficiais, a comitiva de Gaspar sairá dende Fofe ás 17:00 horas para ir a Piñeiro; logo ás 17:30 chegará a Barcia de Mera; ás 18:00 horas estará en Casteláns e ás 18:30 entrará na praza Mestre Cerviño.

O séquito de Baltasar sairá ás 16:30 dende A Graña para ir a Campo; ás 17 horas a Godóns; 17:30 San Salvador de Prado e 18 horas en Maceira destino á praza Mestre Cerviño.

Por último, o rei Melchor sairá ás 16:30 horas dende Prado da Canda; para estar ás 17 horas na Lamosa; ás 17:30 en Paraños e ás 18 horas en Santa Marina.

Paxes, raíñas e reis xuntaranse na praza Mestre Cerviño arredor das 18:30 horas. A continuación desfilarán cara ata o pavillón municipal. Zancudos máxicos agardarán as súas maxestades. No pavillón tamén haberá inchables, batalla de bolas xigantes, pista ameriana, tobogán de bolas,  música e animación.

También te puede interesar