A corporación municipal do Concello de Tomiño aprobou no Pleno de decembro, unha moción para abordar o financiamento dos servizos sociais de competencia non municipal. Contou co voto a favor dos grupos municipais do BNG, quen impulsou a iniciativa, e do PSOE, e coa abstención do PP.
Só ten competencia en avaliación e atención inmediata
Coa entrada en vigor da Lei de Racionalización e Sostibilidade da Administración Local, apuntan dende o Concello, as competencias municipais sobre os servizos sociais diminuiron. Asi, só se manteñen a responsabilidade en materia de avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en risco de exclusión social. “Non obstante, o Concello segue tendo que asumir unha parte do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ou aquel relacionado coas prazas ofertadas no centro de día e nas escolas infantís”.
Axuda no Fogar
O financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que forma parte da Lei de Dependencia, apuntan dende o Goberno local, está contemplado a partes iguais entre a Administración Xeral do Estado e as Comunidades Autónomas. “Se ben, o Concello de Tomiño consigna case 400.000€ de fondos propios tras licitar o servizo cuns costes de 19€/hora, fronte os 11.5€/hora que financian as mencionadas administracións competentes na materia”.
Centro de Día e escolas infantís
A moción tamén aborda a situación do centro de día e das escolas infantís do municipio, xestionadas a través do Consorcio Galego. “A Xunta impón un cofinanciamento ao Concello, xerando custos que ascenden a preto de 250.000€”, segundo os orzamentos para este 2024. O Grupo Municipal do BNG critica que a Xunta financie completamente as escolas infantís privadas nalgúns concellos, pero que, a súa vez, esixa a concellos como o de Tomiño copagar por servizos semellantes que, pola contra, si son de carácter totalmente público.