As prazas para participar na primeira das rutas ornitolóxicas da Deputación de Pontevedra deste 2024 esgotáronse en menos de 24 horas Esta primeira proposta do ano, da man de Seo/BirdLife, terá lugar o domingo 14 de xaneiro cunha ruta pola Foz da Ramallosa e praia América, nos concellos de Nigrán e Baiona.
A Foz da Ramallosa
A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal protexido pola Rede Natura 2000. Trátase dun lugar de alto valor ecolóxico, moi cómodo para a observación de aves polo preto que se poden avistar e polo confiadas que se mostran cara ao ser humano. Durante a ruta ornitolóxica, as persoas participantes poderán ver limícolas como mazaricos, biluricos ou pilros; unha ampla variedade de gaivotas, así como diferentes especies de garzas, aguias pescadoras e aves mariñas como os carráns cristados.
Percorrido
O percorrido, guiado por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúe un autobús tanto para o desprazamento coma para a visita da zona na que ten lugar a actividade. Recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado. Cada participante terá á súa disposición prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas. Ademais, entregaráselle unha guía de aves.
‘Voando nas Rías Baixas 2024’
O programa “Voando nas Rías Baixas” contempla no 2024, ademais deste percorrido pola Foz da Ramallosa e praia América do día 14 de xaneiro, outras seis rutas ornitolóxicas.
Deste xeito, en febreiro terá lugar un percorrido polo esteiro do río Lérez e a zona intermareal Combarro-Lourido (Pontevedra e Poio); en abril polas Ribeiras do río Umia (Ribadumia e Cambados); maio pola Serra do Suído (A Lama, Fornelos de Montes e Covelo); en xuño pola praia da Lanzada (O Grove); setembro polas lagoas de Rouxique (Sanxenxo) e en novembro polo esteiro do río Miño (A Guarda).