Ecoloxistas en Acción, Plademar Muros-Noia e a plataforma Noialimpa denuncian a “inaccion da Xunta dúas semanas despois de que se detectara a vertedura de millóns de pellets de plástico frente as costas galegas”.
Asi, sinalan, o pasado 8 de decembro o buque “Tucana”, de bandeira dos Países Baixos, perdeu 6 contedores á altura de Viana do Castelo, preto xa de augas galegas. “Un deses contedores, da empresa Bedeko Europe, contiña millares de sacos, de 25 kg cada un, cheos de millóns pellets de plástico, que se veñen esparcendo polas costas galegas”.
Perxudicial para os ecosistemas mariños
Estas bolas de 5 milímetros de diámetro utilízanse para a fabricación de todo tipo de produtos, mais o seu reducido tamaño fai que sexan moi complicada a súa recollida unha vez que se misturan coa area. Desde os colectivos ecoloxistas e do mar advirten que a vertedura é perxudicial para os ecosistemas mariños pois os peixes, aves e crustáceos confunden os pellets con ovas de peixe e inxírenos, causando mortandade tanto pola toxicidade do plástico como por inanición, ao non poder alimentarse por ter o estómago cheo de plástico.
Ademais, os pellets non se descompoñen, senón que se van degradando pouco a pouco converténdose en microplásticos e nanoplásticos que inxiren todos os animais, acumulándose no seu tecido e introducíndose na cadea trófica, o que fai que tamén acaben consumidos polos humanos. Por iso, destancan, é tan importante actuar de xeito inmediato e efectivo para retirar a maior cantidade posible do plástico vertido.
O 26 de decembro
O colectivo Noialimpa comezou a denunciar esta vertedura xa o 26 de decembro, cando comezaron a chegar os plásticos de forma masiva ás praias galegas, alzando a voz de alarma. Non obstante, os colectivos ecoloxistas e do mar denuncian o “oscurantismo da Xunta, que non alertou cando tivo aviso da perda dos contedores nin activou medidas de actuación nos 18 días previos á chegada dos plásticos ás praias“, Nese tempo se podería ter evitado gran parte da contaminación interceptando os sacos que estaban flotando no mar antes de que romperam ao bater nas rochas, esparcendo a súa carga.
Voluntariado ambiental espontáneo
Desde os tres colectivos agradecen aos centos de persoas que na última semana se botaran ás praias de xeito espontáneo para recolher cos seus propios medios os sacos antes da súa rotura así como os pellets xa desperdigados polos areais. “Ante a ausencia absoluta da Xunta e as numerosas persoas que veñen contactando para organizarse”, desde os colectivos anuncian que comezarán a realizar convocatorias para actuar nos puntos máis problemáticos.
Mesmo así, esixen á Xunta que poña os medios económicos, materiais e humanos para realizar os traballos de descontaminación, ao cargo da empresa responsable. Tamén esixen que se realice un estudo para determinar os danos ambientais causados polo vertido sobre a fauna e ecossistemas mariños así como os posibles impactos económicos, de modo a realizar as reclamacións á empresa naveira e á súa aseguradora.
Querela contra a naveira
Pola súa parte, Ecoloxistas en Acción anunciou que interporá ante os Xulgados de Noia querela contra a empresa neerlandesa propietaria no navío, Toucan Maritime, por un delito contra o ambiente e os recursos naturais, lembrando que os vertido se produce ademais nunha zona na que ven de ampliarse a Rede Natura 2000 pola súa importancia como corredor ecolóxico de aves. Coa acción pretenden asegurar que se cumpre a máxima de “quen contamina paga”.