Caballero no volverá. Nunha entrevista publicada esta pasada fin de semana, o candidato do Partido Socialista á Presidencia da Xunta. José Ramón Gómez Besteiro, adiantaba que habería cambios nas listas para as Eleccións ao Parlamento de Galicia. Dito e feito.
Adeus a Gonzalo Caballero
Hoxe o Comité Provincial do PSdeG aprobou por unanimidade a candidatura por Pontevedra e Gonzalo Caballero, que encabezaba a proposta de lista presentada polo partido en Vigo, non so non estará no número 1, é que desaparece da candidatura.
Seica o papel de hai 4 anos, cando como cabeza de cartel non so non foi quen de evitar que Feijóo subise en escanos e en votos, senón que asinou o peor resultado do PSdG nunha cita autonómica, están no fondo desta decisión.
Elena Espinosa
Quen liderará a lista por Pontevedra será a ex ministra de Pesca e concelleira en Vigo, Elena Espinosa (Ourense, 1960); co portavoz do Goberno Local Carlos López Font (Madrid, 1957), no número 2. No número 3 estará a pontevedresa Paloma Castro, que xa foi deputada o pasado mandato; o mesmo que o número 4, Xulio Torrado e a número 5, Leticia Gallego.
No sexto irá o alcalde de Silleda, Manuel Cuíña; eno 7 Ana Costas, ex xefa de prensa do Concello de Vigo e da Deputación de Pontevedra, e no 8 Delfín Domínguez, médico, e candidato á Alcaldía de Ponteareas en 2023.
En palabras do secretario xeral socialista da provincia, David Regades, é únha candidatura “moi potente, recoñecible, representativa da provincia máis socialista de Galicia e configurada con persoas dun alto perfil político, con experiencia na xestión e pensada para traballar por esta provincia e por Galicia dende o Goberno da Xunta”.
Aprobada polos comités Nacional e Federal
A proposta do Comité Provincial de Pontevedra xa foi elevada ao Comité Nacional de Listas e será aprobada, mañá, día 9, polo Comité Nacional antes de trasladala ao Comité Federal para a aprobación definitiva. De acordo co calendario electoral será rexistrada diante da Xunta Electoral Provincial antes do próximo día 15.
David Regades agradeceu a implicación da militancia e das agrupacións locais socialistas facendo chegar as súas propostas de integrantes para a elaboración da candidatura. “Un proceso que demostrativo da democracia interna do partido e do capital humano do PSdeG-PSOE“, subliñou.
A provincia, decisiva
Regades subliñou que a provincia de Pontevedra volverá ser decisiva para o cambio na Xunta “demostrando a forza do socialismo neste territorio”. “O PSdeG-PSOE é a única opción para un bo goberno en Galicia e para facer a José Ramón Gómez Besteiro presidente”.