O Bloque Nacionalista Galego pide declarar Vigo como cidade saturada de pisos turísticos diante da “grave proliferación deste fenómeno especulativo”. Asi, os nacionalistas demandan a elaboración urxente dunha ordenanza municipal que regule esta situación; impoñendo unha taxa ao seu funcionamento; esixindo unha licenza municipal e realizando inspeccións para aflorar as vivendas non rexistradas.
Dereito da cidadanía a poder habitar na súa propia cidade
“É momento de frear en seco esta ameaza que está a dificultar o primeiro dereito da cidadanía que é o de poder habitar a súa propia cidade, con cada vez máis familias traballadoras e mocidade que literalmente non se poden permitir o luxo de vivir en Vigo”, demandou o portavoz municipal do BNG.
Xabier P. Igrexas sinala que hoxe en Vigo hai case o triplo de pisos turísticos (1.500) que vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial, 400 máis durante os últimos 6 meses. “A nosa cidade ten case o dobre que os existentes en Santiago de Compostela, o que dá boa conta da gravidade da situación”. Nese sentido, o concelleiro deo Bloque subliña que existen xa en Vigo como mínimo 15 zonas tensionadas polos altos prezos dos alugueiros, segundo o Instituto Galego de Vivenda e Solo, con incrementos dun 50% nos últimos 5 anos.
Igrexas responsabilizou deste problema á “inacción” da Xunta de Alfonso Rueda e do Goberno municipal de Abel Caballero. Por parte do Goberno galego, lamentou a negativa do PP a garantir a legalidade no rexistro de vivendas turísticas mantendo a “lei da selva”. Na actualidade permite que calquera persoa que o desexe poida destinar a súa vivenda a uso turístico, sen medidas de control nin ordenación.
Ordenanza municipal
No caso do Concello de Vigo, o portavoz do BNG considerou urxente actuar para deter esta proliferación e o grave problema de acceso á vivenda. Así, avanzou que no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo, deste martes, o BNG demandará a elaboración urxente dunha ordenanza municipal que regule este tipo de pisos.
“Trátase de facer o que xa fixeron outras cidades galegas e no Estado”, apunta Igrexas. Quen engade que “non podemos ficar de brazos caídos mentres a especulación dos pisos turísticos sigue a encarecer a niveis insoportábeis o prezo da vivenda”.