Comarcas

Salvaterra terá unha nova depuradora no río Mendo

Costará 2 millóns dos que a Xunta aporta 1,8 e o Concello 200.000€ e os terreos

Salvaterra terá unha nova depuradora no río Mendo

Salvaterra terá unha nova depuradora no río Mendo. A mesma requerirá un investimento de 2 millóns de euros. Deles, a Xunta aportará o 90% -1,8 millóns– ademais de contratala e executala. Pola súa banda, o Concello contribuirá ao financiamento do 10% restante: 200.000€. A administración local tamén achegará os terreos; asumirá a súa posta en servizo; a súa explotación e o mantemento.

Saneamento

Asi, o obxectivo final deste proxecto é mellorar o saneamento, cunha nova planta de tratamento, independente que se situará na conca do Mendo. Ao mesmo tempo levaranse a cabo as obras para optimizar a rede e rematar o saneamento integral de varias parroquias: Leirado, Fiolledo, Soutolobre, Corzáns, Oleiros e Meder.

Nova depuradora

Concretamente, a nova depuradora de Salvaterra no río Mendo, estará deseñada para un caudal horario punta de 118 m³/h. A instalación contará cun espazo para o almacenamento de lodos, que se extraerán cada 60 días. A nova infraestrutura deséñase para un tempo de retención de 2 horas a caudal punta.

Ademais, a planta vai estar preparada para dar servizo a unha poboación de 2.310 habitantes no ano horizonte 2040.

Colector en Oleiros

Paralelamente, tamén se executará un colector de conexión á rede de Oleiros. O mesmo terá a finalidade de facer chegar á nova depuradora as augas residuais recollidas neste núcleo. Engadirase un colector-emisario para a vertedura do efluente xa depurado; pozos de bombeo e as impulsións necesarias de entrada e saída á depuradora.

Unha vez subscrito este acordo -hoxe, entre Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas, e Marta Valcarcel, alcaldesa de Salvaterra-, segue a tramitación, prevéndose poder iniciar os traballos este ano, cun prazo de execución de 18 meses.

También te puede interesar