Premio á Musealización das galerías da Fortaleza do Castro e ao Paseo de Bouzas

Son dous dos catro acadados por obras realizadas na nosa cidade

Premio á Musealización das galerías da Fortaleza do Castro e ao Paseo de Bouzas

A Musealización das galerías da Fortaleza do Castro e o Paseo de Bouzas son dous dos proxectos premiados polo Colexio de Arquitectos de Galicia (COAG). Asi, as Delegacións de Ourense, Pontevedra e Vigo do Colexio de Arquitectos de Galicia celebrarán o vindeiro 20 de xaneiro o acto de entrega dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2023 na vila de Celanova.

Estas distincións, que foron falladas no mes de novembro, son un “recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade”. O mesmo distingue obras desenvoltas nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense.

En total resultaron galardoadas 13 obras (7 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 3 na área de Ourense)

Proxectos premiados en Vigo

Vivenda unifamiliar entre medianeiras (R/ Ferreiros, 37. Vigo) Marcos Álvarez Varela. O galardón outorgouse por unha rehabilitación de vivenda entre medianeiras no contorno dun PERI. Apoiándose nos muros existentes proxéctase unha vivenda de espazos interiores diáfanos e iluminados, aproveitando ao máximo o pouco espazo existente.

Musealización das galerías e posta en valor da fortaleza de O Castro. Francisco Javier Vázquez Fernández e Perfecto Cendón Domínguez

Recoñécese esta obra pola singularidade da intervención, que transforma o angosto espazo dunhas galerías defensivas nun espectacular percorrido museístico sen apenas intervir sobre o existente.

Rexeneración do paseo da fronte marítima da vila de Bouzas. Ángel Jaime Santorio Cuartero

Distínguese a rexeneración dun fronte marítima deteriorada que recupera a esencia do lugar aplicando diferentes solucións estratéxicas. O proxecto “aporta enerxía e vida ao lugar, potenciando os valores naturais do litoral, a protección do patrimonio e a conexión directa e accesible dos veciños da cidade ao mar”.

Edificio de 17 vivendas, garaxe e rochos (Rúa Pi y Margall 18-22). Alberto Quintáns Arrondo e Cristina Margarita Ansede Viz

Prémiase a súa integración e diálogo no contorno urbano, a súa perfecta execución a todas as escalas, desde a proposta estrutural, o sensible tratamento da pel á delicada execución dos pequenos detalles que xeran uns espazos xenerosos moi iluminados e de gran calidade.

71 proxectos

Este ano presentáronse 71 proxectos, de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e dos axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo (aparelladores, promotores, enxeñeiros ou construtores) Trátase de obras de carácter urbano; habitacional; industrial; comercial ou paisaxístico. Tamén con escalas tamén moi diferentes: desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade.

Premios Gran de Area

Os premios Gran de Area naceron en Vigo no ano 2001 co obxecto de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, e para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina. Dada a expectación que xeraron, o certame ampliouse as delegacións de Pontevedra e Ourense.

También te puede interesar