A Sede de Vigo da Deputación de Pontevedra acolle desde este xoves unha dobre exposición que encherá de arte as salas Rosalía de Castro e Maruja Mallo.
Desta maneira, a primeira acubillará “Máis alá De Catro a catro”, de Rosendo Cid, e a segunda “Love”, de David Fidalgo Omil. Ambas mostras poderán visitarse ata o 1 de marzo.
“Máis alá De catro a catro”
É un proxecto de intervención sobre o poemario de Manuel Antonio “De catro a catro”, co que Rosendo Cid intenta extraer “novos poemas”, nun sentido plástico, e obxectualizar cada unha das dezanove pezas que conforman esta obra. Faino desde un punto de vista vangardista, influído polo manifesto “Máis alá”, redactado polo poeta en 1932, e tratando de amosar ao público non só a transcendencia da obra de Manuel Antonio, senón tamén un modo diferente de achegarse á súa escrita e á arte e á literatura en xeral.
“Love”
Por outra banda, en “Love” David Fidalgo establece unha reflexión sobre o clixé do amor verdadeiro na
televisión. O artista leva anos producindo obras de animación sobre a sociedade que amosan a televisión e as redes, desde un punto crítico e irónico, a través do concepto do meme e do absurdo. Nesta mostra,
Fidalgo convida aos asistentes a presenciar esta telerrealidade a través do retrato dos personaxes que a
habitan e que, dunha maneira humorística, esconden unha imaxe perturbadora da sociedade.